O Concello de Barreiros prepara un obradoiro de teatro e performance
O Concello de Barreiros, en coordinación co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, desenvolverá un obradoiro de teatro e performance para a mocidade cos obxectivos de concienciar sobre a sustentabilidade da auga como un dereito humano fundamental e sensibilizar sobre a protección deste recurso.
A actividade, que está enfocada a rapaces e rapazas de 15 a 35 anos, dividirase en 3 sesións nas que se abordará a sensibilización de carácter ambiental. Haberá obradoiros de dramatización, teatro e performance e unha última sesión na que se creará unha acción artística de rúa final. Estas actividades serán dinamizadas por un/unha profesional das artes escénicas galegas.
Para anotarse á actividade será necesario completar o formulario antes do 17 de maio de 2023. No caso de ser necesario limitar o número de participantes, será por orde de inscrición e tendo preferencia a mocidade empadroada no Concello de Barreiros.