O Concello de Barreiros mellora o parque empresarial con obras de renovación viaria e luminaria

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, visitou onte as obras que se están levando a cabo no Parque Empresarial, unhas intervencións que avanzan a bo ritmo e que supoñen unha importante mellora das infraestruturas municipais.
As actuacións céntranse na renovación integral do viario e do alumeado público, ademais da reformulación da rotonda de acceso ao recinto, coa finalidade de facilitar a circulación e mellorar a seguridade. Xunto a isto, procedeuse á limpeza das beirarrúas, á substitución da sinalización vertical e horizontal e á instalación de novos colectores de papel e suxeitacolectores en puntos estratéxicos de servizo xeral.
Ermida subliñou que se trata dunha intervención “necesaria e demandada dende hai anos, porque o parque empresarial non recibira ningún tipo de atención dende a súa construción, hai xa arredor de vinte anos”. A rexedora explicou que o goberno local quixo dar resposta “ás peticións do empresariado do polígono, que levaban tempo trasladando estas necesidades, e que con estas obras ven atendidas as súas principais demandas”.
A actuación, valorada en preto de 83.000 euros, está financiada nun 80% mediante dúas axudas da Consellería de Economía e Emprego solicitadas polo Concello durante esta anualidade. O investimento permitirá, segundo a alcaldesa, “mellorar a imaxe dun parque empresarial moi dinámico, que contribúe de forma notable ao impulso económico de Barreiros e de toda a comarca”.