O Concello de Barreiros lanza o programa cultural 'A Voltas cos Contos' no mes de xuño
O Concello de Barreiros, a través da súa concellaría de Dinamización, lanza o programa cultural 'A Voltas cos Contos' durante o mes de xuño, un ciclo de monólogos, composto por seis actuacións, que promete enriquecer a vida cultural do municipio cunha serie de eventos que combinan humor, narración e reflexión.
O 15 de xuño terá lugar o primeiro, 'Ida e volta', de Cris de Caldas nas Escolas de Celeiro de Mariñaos, mentres que o 16 de xuño será 'Coa palabra na boca', de María da Pontragha na Escola de Vilamartín Pequeno.
Xa o 22 de xuño terá lugar 'O medo é libre', de Ángeles Goás no local social de Cabarcos, e o 23 de xuño 'Tralalareira', de Vero Rilo no teleclube de Vilamartín Grande.
Pola súa parte, o 29 de xuño de novo terá lugar 'Ida e volta', de Cris de Caldas no teleclube da Rilleira e o 30 de xuño será a quenda de 'E ti de quen vés sendo', de Ángeles Goás no local social de San Xusto. Todas as actuacións comezarán ás 20.00 horas.
Dani García, concelleiro de dinamización e participación veciñal, destacou a importancia deste programa: "Con'A Voltas cos Contos' buscamos non só ofrecer entretemento, senón tamén promover a cultura galega e fomentar o encontro e a convivencia entre as veciñas e veciños. Agardamos que a veciñanza barreirense goce destas sesións que mesturan humor e tradición".
O programa está enmarcado no circuíto'Cultura no Camiño' da Xunta de Galicia e no Plan Único da Deputación Provincial de Lugo.