O Concello de Barreiros inicia as obras para mellorar a rede de saneamento e eliminar vertidos

O Concello de Barreiros deu comezo ás obras previstas para este ano co obxectivo de mellorar a rede de saneamento existente, especialmente no que respecta ás conexións de saneamento e á eliminación de vertidos ao medio ambiente. Estas obras forman parte dun plan de actuación anual que foi deseñado tras realizar un exhaustivo estudo e auditoría da rede, identificando e priorizando as principais necesidades.
O orzamento para as actuacións de 2024 supera os 50.000 euros e inclúe intervencións en varios puntos críticos da rede. Un dos maiores problemas detectados foi a falta de continuidade na rede de saneamento, o que xeraba vertidos ao medio. Este problema será resolto mediante a creación de puntos de conexión entre as redes existentes.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, acompañada do concelleiro de Medio Ambiente, Dámaso Ratoeira, visitou onte as obras que se están a realizar no cruce entre os camiños municipais e a estrada da Deputación, na baixada a Coto, á altura do barrio da Picota en Benquerencia. Estas obras consisten no entronque dos tubos existentes que conectan os saneamentos dos inmobles, tendo que cruzar a estrada da Deputación. A alcaldesa explicou que aproveitando que se van realizar obras de reparación nesta vía, organizámonos entre administracións para executar estas melloras antes do arranxo e así garantir uns mellores resultados, evitando ter que levantar a estrada despois das obras.
Ademais, as obras tamén contemplan a ampliación da saída do camiño que comunica a estrada de Remior coa estrada de Coto, que quedara cun estreitamento perigoso na vía logo dunha obra realizada antes das eleccións de 2019.
Estas actuacións, cun orzamento de 14.595,06 euros, están sendo executadas pola empresa Grupo Bascuas.
O Concello tamén está a traballar en importantes melloras no saneamento da parroquia de San Cosme. En 2025, levarase a cabo a conexión da rede de saneamento da Estrada Xeral, desde a entrada de San Cosme a Río, o que dará continuidade á conexión realizada o ano pasado. Esta intervención solucionará un problema de rede sen conexión, que xeraba un caudal importante, especialmente no verán. O investimento neste proxecto será de 48.818,45 euros, financiados en parte pola Deputación (40.000 euros) e en parte con fondos propios do Concello.