O Concello de Barreiros impulsa os certames infantís de Nadal de debuxo e poesía

O Concello de Barreiros, a través da súa Biblioteca Pública Municipal, vén de activar unha nova edición dos xa tradicionais certames de debuxo e poesía infantil, unha iniciativa que cada Nadal busca incentivar a creatividade da rapazada arredor dun mesmo tema: O Nadal. A convocatoria mantén o espírito participativo doutros anos, permitindo que cada participante presente todas as obras que desexe.
Na modalidade de debuxo, o concurso está pensado para a xente máis pequena, concretamente para nenos e nenas de entre 3 e 5 anos. Nesta disciplina establécese unha única categoría e os traballos deberán realizarse en cartolina tamaño A4. O obxectivo, segundo explican desde a biblioteca, é ofrecer un espazo lúdico e accesible no que a infancia poida expresar a súa visión das festas.
Pola súa parte, a modalidade de poesía abrangue un público algo máis amplo, con participantes ata os 16 anos, distribuídos en tres grupos de idade: de 0 a 8 anos (categoría A), de 9 a 11 (categoría B) e de 12 a 16 anos (categoría C). Os textos presentados deberán estar escritos en galego e non superar un folio por unha soa cara. Os poemas gañadores nesta fase local representarán ao municipio na fase provincial organizada pola Biblioteca Pública de Lugo, co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Os traballos poden entregarse nos centros educativos de Barreiros ou directamente na Biblioteca Pública Municipal, cun prazo límite establecido no 18 de decembro. Desde o Concello lembran que se trata dun certame aberto e de participación libre, pensado para que as crianzas poidan achegar múltiples propostas e experimentar coa arte plástica ou coa escrita creativa.