O Concello de Barreiros está a arranxar 2,5 km de vías municipais

AMariñaXa
Barreiros está a levar a cabo a mellora de máis de 2,5 kms en cinco vías municipais das parroquias de San Cosme, Benquerencia e San Miguel
barreiros arranxo vias co aforro do plan unico
12 Xuño 2021

O Concello de Barreiros está a levar a cabo a mellora de máis de 2,5 kms en cinco vías municipais das parroquias de San Cosme, Benquerencia e San Miguel por un importe de 30.670,91 euros.

A alcaldesa, Ana Ermida e o concelleiro de obras, Antonio Veiga, visitaron no día de hoxe as obras para comprobar a súa execución, que finalizará nos vindeiros días. Trátase de obras en viais de pequena dimensión nos que se inclúe a limpeza de cunetas e renovación do firme, axustándose ao orzamento obtido das rebaixas das obras do plan único do 2020. Os viais son os que dan acceso aos depósitos da Folgueirosa e acceso da Cruz Pequena a Vilar, en San Cosme; acceso en Escanlar, en Benquerencia e dous accesos en Triana e Pumarín, en San Miguel.

Con estas actuacións, que se suman ás principais do Plan Único  -cuxo comezo se prevé na vindeira semana- contémplase a mellora de máis de sete quilómetros de pistas de titularidade municipal con cargo aos fondos obtidos da deputación de Lugo, supoñendo un investimento neste concepto de preto de 140.000 euros.

O Concello xa ten adxudicado o plan marco de camiños do 2020-2021 financiado pola Xunta de Galicia por un importe de 51.290,69 euros para un total de 1,6km en Vilamartín e San Xusto.

0.19911789894104