O Concello de Barreiros e a Asociación de Madeiristas de Lugo asinan un convenio

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Barreiros e a Asociación de empresarios de primeira transformación da madeira de Lugo, que reúne un importante número de empresas vinculadas ao sector forestal, veñen de asinar un convenio que recolle os compromisos e o protocolo de actuación para a protección do medio ambiente e a conservación das vías municipais.
67797276_1212395588884611_7605673562594082816_n
24 sep 2020

O Concello de Barreiros e a Asociación de empresarios de primeira transformación da madeira de Lugo, que reúne un importante número de empresas vinculadas ao sector forestal, veñen de asinar un convenio que recolle os compromisos e o protocolo de actuación para a protección do medio ambiente e a conservación das vías municipais. 

O texto asinado pola alcaldesa, Ana Ermida, e o presidente da Asociación, Daniel Díaz Ramos, establece a obriga de comunicación e sinalización dos traballos forestais realizados polas empresas asociadas, ao fin de facilitar a labor de seguimento do bo uso dos servizos municipais, especialmente dos camiños e pistas forestais. 

Ermida explica que se trata de “iniciar unha senda de colaboración entre o sector empresarial e o Concello para facilitar os traballos forestais, que indudablemente teñen un grande impacto no territorio,  e garantir o menor prexuízo dos mesmos nas vías municipais e, de ser o caso, axilizar os mecanismos de reparacións das mesmas.”

O convenio especifica que o arranxo das vías debe realizarse, de ser preciso, nun prazo acordado entre as empresas e o Concello, non podendo producirse dilacións indebidas e inclúe dentro dos traballos forestais tanto a saca de madeira como as pacas de biomasa; comprometéndose a Asociación a realizar as xestións oportunas para o bo fin do acordo. 

En base a este acordo, constituirase tamén unha comisión mixta entre Concello e Asociación ao fin de analizar a situación e a resolución de posibles conflitos que poidan existir.

A alcaldesa valorou moi positivamente a sinatura deste acordo pola vontade que se amosa entre as partes de pór solución a posibles problemas que poidan existir, facilitando a convivencia dun sector con gran peso económico no municipio, como é o forestal, con outras actividades que teñen que compartir espazo territorial.  

Somos conscientes da importancia que ten o aproveitamento do monte coa corta e saca de madeira e a necesidade de adaptar as infraestruturas a tal uso, mais non é menos certo que o impacto xerado por dita actividade non pode resultar negativo para o conxunto da poboación; por iso hai que buscar o equilibrio para que os usos sociais e económicos do monte e recursos municipais non sexan incompatibles”, afirmou Ana Ermida. 

O presidente da Asociación, Daniel Díaz Ramos, agradeceu a colaboración e disposición do Concello de Barreiros para contribuír a normalizar e mellorar os traballos forestais que se realicen no municipio; beneficiando deste xeito ao conxunto da poboación mediante a implicación de todos os sectores no mantemento das vías municipais. 

0.16940116882324