O Concello de Barreiros actuará en Santo Estevo do Ermo cando o tempo meteorolóxico permita traballar con seguridade
O Goberno municipal de Barreiros acolleu con sorpresa as críticas realizadas polo portavoz da oposición sobre os traballos pendentes na zona do Santo Estevo do Ermo, “tendo en conta que as fai quen nunca se preocupou por investir alí un euro”. As actuacións realizaranse cando o tempo meteorolóxico permita actuar con seguridade e eficiencia, xa que se trata dunha zona moi húmida e de gran sensibilidade.
Desde o Goberno municipal manifestan que, efectivamente, son necesarias tamén campañas de concienciación medioambiental e a moitos niveis. O que é sorprendente, afirman desde o goberno, é que “quen foi concelleiro de Medio Ambiente durante 12 anos, se acorde de propoñelas agora, 5 anos despois de abandonar o goberno.” E recoméndanlle así mesmo “que se conciencie el sobre correcto e legal funcionamento dunha administración local, na que as cousas se fan con criterios, con planificación e atendendo a prescricións técnicas e administrativas, porque no seu desgraciado paso polo Goberno municipal de Barreiros, el máis ben fixo gala de todo o contrario”.
Lembran que o actual Goberno municipal foi “o único que realizou obras de mantemento e adecentamento da zona do Santo Estevo” desde a súa adecuación a finais dos 90. “Saberá o portavoz da oposición que mentres el foi concelleiro de medio ambiente e, polo tanto, responsable directo da zona, tanto as labores de roza como as de investimento eran realizadas por asociacións coa axuda da Deputación de Lugo, sen recibir axuda ningunha do Concello. Cando Gómez Puente deixou a concellería de medio ambiente, as varandas de protección quedaban apodrecidas, as pasarelas sen mecanismos de seguridade e a zona sen sinalización algunha de normas e riscos”.
Mellora dos accesos
Aseguran que non “non nos vai dar leccións de como actuar na zona e de realizalo desde parámetros técnicos e de prudencia, xa que leva anos actuándose dun xeito planificado para que os traballos que se realizan sexan o máis eficientes posibles”. A alcaldesa lembrou que baixo o seu mandato “adecuáronse os accesos, sobre os que se realizan traballos de manteme
Repuxéronse varandas e elementos de seguridade; dotouse a zona de indicacións e información sobre riscos e realizouse unha divulgación do espazo poñendo en valor o seu contido patrimonial e natural e “evitando converter un espazo de tan alto valor para toda a poboación nun mero lugar visitable exposto a un uso superior ao que debe asumir pola súa fraxilidade”.
Todo iso, ao igual que a mellora dos accesos foi realizado polo Goberno municipal, atendendo á sensibilidade da zona e ás necesidades existentes. Estes dous aspectos son os que deben determinar calquera actuación que se leve a cabo nun espazo que é de alto valor ambiental e no que debe respectarse un modo de intervención extremadamente cauteloso, sempre baixo parámetros técnicos e de boa execución. “Xa sabemos que a preocupación do portavoz do Partido Popular polo Santo Estevo, que parece visitar con pouca frecuencia, lle xurdiu desde que deixou de ter responsabilidades de goberno, como na maioría de cuestións sobre as que amosa un descoñecemento preocupante para quen ocupou postos de goberno durante 16 anos e aspira a dirixir este Concello”.