O Concello de Barreiros á espera de resolucións para investimentos clave

O Concello de Barreiros está pendente da resolución de 11 solicitudes de axuda presentadas á Xunta de Galicia, que serán determinantes para os investimentos previstos este ano. Durante os últimos meses, o goberno local tramitou máis dunha ducia de expedientes coa intención de captar financiamento para proxectos prioritarios.
Segundo explica a alcaldesa, Ana Ermida, as actuacións previstas inclúen melloras no parque empresarial, a renovación do alumeado do paseo marítimo e a adecuación da zona de parque e estacionamento nos Martices, así como traballos de acondicionamento nas escolas de Vilamartín Pequeno. Ademais, o Concello solicitou subvencións para a mellora da eficiencia enerxética do Centro Social de San Cosme, coa instalación de illamento e a renovación da iluminación. Tamén está prevista a compra de maquinaria para limpeza viaria, a instalación de composteiros domésticos e a adquisición de novos colectores para os puntos limpos municipais.
Outra das actuacións solicitadas é a mellora de varias vías municipais en Benquerencia, Vilamartín Grande e Cabarcos, un proxecto presentado tanto de maneira individual como en colaboración co Concello de Trabada.
O conxunto dos investimentos ascende a 676.532,01 euros, dos cales o Concello aspira a recibir 530.965,72 euros en subvencións, mentres que os 145.566,29 euros restantes serían cubertos con fondos municipais.
A alcaldesa advertiu da dificultade que supón acceder a estas axudas, xa que "moitas se conceden por orde de chegada e sen ter en conta as necesidades reais de cada municipio", o que implica un intenso traballo administrativo para a súa consecución. Ademais, reivindicou que a Xunta estableza un sistema de financiamento municipal máis obxectivo e previsible, que permita aos Concellos planificar os seus investimentos de maneira máis autónoma.
Axudas para persoal e servizos municipais
Ademais das subvencións para investimentos, o Concello de Barreiros tamén solicitou máis de 188.000 euros para a contratación de persoal e o mantemento de servizos municipais. Entre as liñas de axuda solicitadas inclúense contratacións para prevención e extinción de incendios, socorrismo e vixilancia en praias, así como peóns medioambientais.
No que respecta a servizos, o Concello tamén opta a financiamento para o funcionamento da biblioteca municipal, a organización de actividades culturais e a realización de campamentos de verán.