O Concello de Alfoz programa diferentes actividades para celebrar o Día Internacional da Muller
Dende o Concello de Alfoz programáronse diferentes actividades para celebrar o Día Internacional da Muller. Así, a semana do 8 de marzo a Casa do Concello estará tinguida de violeta como apoio a todas as mulleres.
“Neste tipo de conmemoracións téndese a traer conferenciantes ou artistas de fóra dos concellos cando o mellor exemplo o temos dentro” apunta Eliseo Lorenzo, delegado de Igualdade do Concello de Alfoz. Por este motivo, o 8 de marzo publicarase a I edición Mulleres de Alfoz, con infografías sobre mulleres relevantes do concello que serven de exemplo e foron pioneiras na súa vida profesional.
“Non foi doado facer unha selección para esta primeira edición xa que no noso concello contamos con mulleres de carácter que se abriron camiño con valentía e esforzo” afirma o concelleiro delegado de igualdade.
Ademais, o día 9 de marzo ás 17.00 horas na Casa da Cultura do Concello, terá lugar unha quedada que leva por nome “As mulleres a través do tempo” na que se analizará o papel da muller en diferentes épocas a través do intercambio de experiencias de vida das mulleres de Alfoz. Esta actividade estará aberta ao público en xeral na que se gozará dunha pequena merenda e haberá un agasallo para as persoas asistentes. Dende o Concello animamos a participar ás veciñas e veciños neste encontro.