O Concello de Alfoz presenta o seu potencial ante 76 empresas nun foro económico

AMariñaXa
Participou no BNI ACO Albatros da comarca de Ferrol e valoraron a xornada de xeito moi positivo
casa-do-concello-de-Alfoz
3 Jan 2025

O Concello de Alfoz foi o primeiro invitado do ano no foro de negocios BNI ACO Albatros da comarca de Ferrol. Unha organización profesional, recoñecida como líder mundial en recomendacións de negocio, que congregou a 76 empresas de diversos sectores interesados en explorar novas oportunidades de colaboración e investimento.

Na sesión, Eliseo Lorenzo, concelleiro de Educación, Igualdade e Participación do Concello de Alfoz, presentou as singularidades e potencialidades do municipio. Durante a súa intervención, destacou a idoneidade de Alfoz como destino estratéxico para novos proxectos empresariais, describíndoo como un "refuxio climático" e salientando que “é o momento perfecto para investir en Alfoz”.

Segundo trasladan desde o Concello a presentación espertou un gran interese entre os asistentes, o que deu lugar a un frutífero intercambio de contactos e ideas. Varias empresas mostraron un especial interese en establecer futuras colaboracións co Concello, abrindo a porta a novos proxectos e investimentos.

“Participar nesta sesión de BNI ACO Albatros foi unha oportunidade excepcional para dar a coñecer o potencial do noso Concello. A valoración da xornada non pode ser máis positiva, xa que conseguimos captar o interese de importantes empresas que poden contribuír ao desenvolvemento de Alfoz”, sinalou Eliseo Lorenzo ao rematar o evento.

O Concello de Alfoz reafírmase no seu compromiso de fomentar o desenvolvemento económico e social, promovendo a súa visión como un municipio innovador e atractivo para o investimento e a calidade de vida.

0.078731060028076