O Concello de Alfoz aclara a situación da praza de conserxe do CEIP Castro de Ouro

AMariñaXa
O Goberno local asegura que o servizo está cuberto e en funcionamento, e lamenta a “polémica artificial” creada pola oposición
colexio-alfoz
7 Oct 2025

O Concello de Alfoz quixo saír ao paso das declaracións do grupo da oposición sobre a suposta falta de convocatoria da praza de conserxe do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro. Desde o Goberno municipal explican que dita praza foi extinguida conforme ao aprobado en Pleno e recollido na actual Relación de Postos de Traballo (RPT), polo que a situación se atopa “plenamente regularizada”.

A pesar desa modificación administrativa, o servizo de conserxería continúa prestándose con total normalidade. “Está perfectamente cuberto e en funcionamento, sen que se teña rexistrado ningunha incidencia nin no inicio do curso nin durante o seu desenvolvemento”, subliñan desde o executivo local.

Ademais, lembran que no Consello Escolar celebrado a comezos do curso informouse expresamente da cobertura deste servizo, polo que, segundo apuntan, resulta sorprendente que agora “se pretenda xerar unha polémica artificial sobre unha cuestión xa aclarada e coñecida polos representantes da comunidade educativa”.

Desde o equipo de goberno tamén lamentan a actitude do grupo da oposición, ao que acusan de “exercer unha política destrutiva e baseada nas redes sociais, que unicamente busca confundir á veciñanza e evidencia un descoñecemento total da realidade municipal”.

“O mellor apoio que se lle pode dar ao centro é darlle valor co propio exemplo”, engaden, ao tempo que insisten en que “se algo necesita o CEIP Castro de Ouro é matrícula e respaldo, non controversias infundadas”.

O Concello de Alfoz reafirma deste xeito o seu compromiso coa comunidade educativa e coa prestación dun servizo público de calidade. O Goberno local asegura que continuará traballando con responsabilidade e rigor “para garantir o bo funcionamento dos centros educativos do municipio e o benestar tanto do alumnado como do persoal”.

⚙ Configurar cookies
0.089287996292114