O Concello da Pontenova recibe unha achega para a adquisión do complexo da Ferrería de Bogo
A adquisión do complexo da Ferrería de Bogo por parte do Concello da Pontenova deu un paso cara adiante coa achega de 150.000 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Segundo palabras do rexedor pontenovés, Darío Campos, "a Ferrería de Bogo é quizais o elemento etnográfico máis importante da Pontenova. Ademais de ter varias igrexas conta cun edificio que data do século XV e gustaríame poñelo en valor pois sería un reclamo turístico moi bo". Ademais é un lugar que será "moi agradecido para visitar e para ver e sentir como era a ferrería", engadiu Campos.
Ambas administracións asinaron un convenio de colaboración con cargo ao Fondo de cooperación cos municipios de menos de 50.000 habitantes para impulsar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
Este programa financia, a través de préstamos sen intereses, a adquisición de inmobles para a súa posterior restauración, así como intervencións de recuperación e rexeneración urbanas.
Neste caso, o acordo asinado establece que o Concello da Pontenova deberá repoñer os fondos percibidos nun prazo de oito anos a contar desde o 2023. A contía fixada para cada anualidade é de 18.750 euros.