O Concello da Pontenova activa o punto limpo móbil para mellorar a reciclaxe en todas as parroquias

O Concello da Pontenova vén de anunciar a posta en marcha do punto limpo móbil para a recollida selectiva de residuos, un servizo itinerante que percorrerá distintas parroquias do municipio entre maio de 2025 e febreiro de 2026. A medida busca achegar á veciñanza a posibilidade de reciclar correctamente sen ter que desprazarse, contribuíndo así á sustentabilidade local.
O calendario establece visitas mensuais ás diferentes zonas, comezando en maio na explanada do pavillón de Rececende. En xuño, será a quenda de Vilaouruz, no campo da festa, mentres que en xullo o punto limpo instalarase en Conforto, ao carón da igrexa. As paradas seguintes serán: en agosto, na explanada da tenda de Manolo en Vilaboa; en setembro, na escola de Vilarmide; en outubro, en Xudán (Parede Nova); e en novembro, no atrio de Vilaoudriz.
Xa en decembro, o servizo estará dispoñible na Casa de Bras, en Bogo; en xaneiro de 2026 en San Esteban (atrio); e en febreiro, en Vilameá (atrio). A partir dese momento, o calendario renovarase cada ano mantendo a mesma orde de visitas.
O punto limpo móbil conta con oito bocas ou compartimentos diferenciados, cada un perfectamente sinalizado con nome e imaxe, para facilitar a clasificación dos residuos. Os materiais que se recollerán inclúen envases de plástico, latas e bricks, pilas e baterías, aceites usados, envases de vidro, papel e cartón, pequenos electrodomésticos, roupa e calzado, e tamén lámpadas e fluorescentes.
O Concello fai un chamamento á cidadanía para que deposite cada tipo de residuo no seu compartimento correspondente, co obxectivo de facilitar o proceso de reciclaxe. “É fundamental a colaboración veciñal para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos”, sinalan desde a administración local.
O alcalde, Darío Campos Conde, asinou o documento anunciando a iniciativa e destacou a importancia de fomentar hábitos responsables no tratamento do lixo doméstico.