O Concello convoca a décima edición do Concurso de Fotografía “O Mellor Recuncho de Mondoñedo”

AMariñaXa
O certame ten como obxectivo a creación dun calendario para o ano 2026 con imaxes que amosen a beleza e singularidade dos recunchos mindonienses
concurso-fotografia-mondonedo
24 Oct 2025

O Concello de Mondoñedo, a través da Concellería de Cultura, vén de abrir o prazo para participar na décima edición do Concurso de Fotografía “O Mellor Recuncho de Mondoñedo”, que nesta ocasión se celebra baixo o lema “Elixe o lugar de Mondoñedo que máis che gusta”. O certame ten como obxectivo a creación dun calendario para o ano 2026 con imaxes que amosen a beleza e singularidade dos recunchos mindonienses.

O prazo de presentación das fotografías comeza hoxe e permanecerá aberto ata o venres 28 de novembro. As persoas interesadas deberán enviar unha única fotografía en soporte dixital ao enderezo electrónico recunchosdemondonedo@gmail.com indicando no asunto Concurso Fotografía 2025 e incluíndo no corpo da mensaxe o nome completo e un número de teléfono de contacto.

As imaxes deberán remitirse en formato jpg, tif ou bmp, cunha calidade mínima superior a 750 Kb. O Concello lembra que non se deben enviar fotografías descargadas das redes sociais nin recibidas a través de WhatsApp, xa que poderían carecer da resolución necesaria para a elaboración do calendario. Recoméndase, polo tanto, enviar sempre as fotos orixinais.

Como en edicións anteriores, o certame contará con tres fotografías premiadas, que serán seleccionadas entre todas as presentadas. O Concello de Mondoñedo anima á veciñanza e a todas as persoas afeccionadas á fotografía a participar e a contribuír coa súa mirada persoal á promoción do patrimonio visual e emocional da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.072589159011841