O Concello abrirá o proceso para a concesión de 3 postos da praza de abastos ribadense
O Concello abrirá proximamente o proceso para a concesión de 3 postos no interior da praza de abastos ribadense, co obxectivo de que a ocupación sexa do total da súa capacidade. Pablo Vizoso, concelleiro de Desenvolvemento Local, subliñou que o Concello busca así ampliar a oferta existente neste espazo apostando pola diversificación, pola innovación, pola sostibilidade e pola creación de emprego.
Pablo Vizoso manifestou que “con este proceso búscase ampliar a oferta existente neste espazo apostando pola diversificación, pola innovación e pola a sostibilidade dos postos que se asenten e tamén pola creación de emprego”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local dixo: “consideramos desde o Concello que o momento actual é o máis axeitado para facer este proceso, xa que a alimentación de proximidade ten máis sentido ca nunca. Coñecedores tamén do papel que xogan nas vilas coma Ribadeo este tipo de espazos dinamizando as contornas e tamén dinamizando e axudando ao sector primario, entendemos que a praza de abastos debe ser un lugar abandeirado e de referencia no consumo alimentario de Ribadeo, que aposte por postos que diversifiquen e que á súa vez integren valores diferenciais na súa oferta e na súa marca como produto local e de proximidade, que abonden na sostibilidade e na economía circular promovendo así o atractivo da praza de abastos coma lugar e referente de venda principal dos produtos alimenticios e dos produtos de proximidade de Ribadeo e por suposto promovendo a actividade comercial e o incremento do emprego”.
Vizoso Galdo engadiu que “deste xeito o Concello quere adiantarse con esta nova á publicación da apertura do proceso de concesión e de ampliación no seu afán de transparencia e de informar con antelación para que as persoas interesadas e emprendedoras conten co tempo suficiente para preparar as súas propostas”.