O concelleiro de Deportes de Ribadeo responde ás críticas sobre o estado do Pepe Barrera

AMariñaXa
O concelleiro de Deportes de Ribadeo responde ás críticas vertidas polo PP sobre o estado lamentable do estadio Pepe Barrera
pepe barrera campo de futbol remodelado
19 Xan 2022

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, respondeu aos populares polas declaracións sobre o céspede do estadio Pepe Barrera e nas que destacou as tarefas de mantemento realizadas a mediados de tempada, agora no inverno. 

O edil ribadense cre que “a valoración técnica é a máis importante e o que se trata é de informar. O estado do campo do Pepe Barrera levou, hai un mes, un mantemento de mediados de tempada no que se pincha, se resembra, se abona e se volve meter outra vez substrato para que teña forza e aguante todo o que queda de tempada futbolística. Isto leva un proceso. Normalmente no verán ou na primavera nótase antes, pero no inverno tarda un pouquiño máis en facer efecto e que se vexa”.

Jorge Díaz engadiu que “tamén quedo atónito coas declaración sobre o tema económico. Agora parecer ser que lles interesa o campo e o que custou. Cando foi a hora de poñer ese terzo que lle tocaba a cada administración, neste caso é a Xunta non é que puxera un terzo, puxo tan só un terzo dun terzo. Hai por aí uns pictogramas coas cantidades, que é exactamente o que puxo a administración galega”.

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo alertaba o luns sobre oo estado “lamentable do terreo de xogo do estadio municipal Pepe Barrera", e no que, recentemente, se investiron preto de 500.000 euros.

Deste xeito, os populares, a través do coordinador de Deportes, Tito Suárez, esixían responsabilidades ao goberno do BNG, xa que estas instalacións públicas, ao igual que o resto de dependencias do Concello, esixen un mantemento específico e cada certo tempo. “Non só é investir, é tamén facer os traballos para mantelas. A herba do campo xa está moi deteriorada”, e isto débese, apunta o coordinador de Deportes, “a unha xestión estéril dun goberno estéril que malgasta o diñeiro público”.

0.18833589553833