O Compas do Río Ouro, unha escola de música para o futuro

AMariñaXa
O proxecto nace do compromiso das familias para garantir unha formación musical estable no Valadouro e Alfoz
compas-do-rio-ouro-1-aula
13 Apr 2025

Por Ana Somoza

A Asociación Cultural e Xuvenil Ó Compás do Río Ouro naceu co obxectivo de ofrecer continuidade ás clases de música para a infancia e a mocidade da comarca. Helena Cornide Pumares, presidenta da entidade, explica que a iniciativa xurdiu a principios de ano, cando un grupo de nais e pais do Valadouro e Alfoz decidiron unirse para garantir que os seus fillos puidesen seguir aprendendo música sen ter que desprazarse a outras localidades. “Os nenos, as súas ganas de aprender e formar parte dun grupo musical foron realmente o motor deste proxecto, porque gozaban moito coa música”, comenta Cornide.

O proxecto deu os seus primeiros pasos en febreiro, cando as familias implicadas tomaron a decisión de crear unha asociación que permitise estruturar e consolidar unha escola de música na comarca. Desde entón, o traballo foi intenso, pero o esforzo viuse recompensado co apoio do Concello do Valadouro, que cedeu un local para as clases, e coa colaboración de Francisco Javier García Canto, máis coñecido como Fran Cupeiro, quen asumiu a coordinación da escola.

A escola conta cun equipo de cinco profesores especializados en diferentes disciplinas musicais. Luís encárgase das clases de piano e coro, Brais imparte vento metal e linguaxe musical, Xacobe é o responsable da sección de corda e orquestra, Jose Meitín ensina guitarra, combo rock e dirixe o coro de adultos, mentres que Pablo Peláez imparte vento madeira, coro xuvenil e linguaxe musical. Todos eles son músicos da Mariña, o que permite ofrecer unha formación próxima e adaptada á realidade da contorna. A resposta das familias foi moi positiva, e en pouco tempo a asociación conseguiu reunir 30 socios, con 30 alumnos matriculados na escola e unha decena de persoas adultas inscritas no coro. “A escola está aberta a todas as idades”, destaca Cornide, quen asegura que a intención é seguir crecendo e ampliando a oferta.

LOCAL E ENSINO.

Na actualidade, as clases impártense no que fora a escola de agricultura, detrás do Concello do Valadouro. Trátase dun espazo amplo, con varias aulas equipadas con calefacción e todo o material necesario para desenvolver as actividades musicais. Con todo, a asociación ten previsto trasladarse proximamente ao antigo matadoiro do Valadouro, un edificio situado ao lado do parque que o Concello está acondicionando para acoller a escola de música.

A actividade da escola arrancou oficialmente o 10 de marzo e, segundo a presidenta, a acollida foi mellor do esperado. “Os primeiros días o alumnado estaba un pouco nervioso e andaba algo alborotado pola novidade: local novo, profesorado novo, etc. Pero atrévome a dicir que todos saíron cun sorriso enorme! É a mellor recompensa que podemos ter!”, afirma Cornide.

A tradición musical da comarca foi un factor determinante para poñer en marcha esta iniciativa. “A nosa comarca sempre foi terra de músicos e no pasado ata contaba con multitude de orquestras”, lembra Cornide, que destaca os múltiples beneficios da música, tanto a nivel educativo como persoal. “A música axuda a socializar, mellora o estado de ánimo, a concentración, axuda a manexar mellor as emocións, fomenta a creatividade… Pero, sobre todo, é unha forma máis de gozar da vida, tanto para os pequenos como para os adultos”, engade.

PROXECTOS E DESAFÍOS.

A prioridade da asociación nestes momentos é consolidar a escola de música e garantir a súa continuidade a longo prazo. Pero, a medio prazo, tamén se contemplan outras iniciativas culturais abertas a toda a poboación. “Temos moitas ideas, pero estamos comezando e temos que ir paso a paso”, sinala Cornide. A posibilidade de organizar talleres de música, encontros culturais ou mesmo actividades relacionadas con outras artes, como a literatura ou o audiovisual, está sobre a mesa, pero a asociación prefire avanzar con cautela.

O apoio institucional foi clave para poñer en marcha o proxecto, e a presidenta recoñece que a colaboración do Concello do Valadouro foi fundamental. “Desde o primeiro minuto apoiáronnos para que puidésemos levar a cabo a escola de música. Cedeunos o local e contamos cunha achega económica. Pouco máis podemos pedirlle ao Goberno local agora mesmo, xa que até o momento nos apoiou en todo momento e nos proporcionou todo o necesario para comezar”, afirma Cornide.

A curto prazo, un dos principais desafíos da asociación é aumentar o número de socios para poder ampliar a oferta formativa e garantir a viabilidade do proxecto. “Os comezos sempre son difíciles, pero estamos dispostas a traballar o que faga falta para que tanto a escola como a asociación teñan continuidade e unha longa vida”, asegura a presidenta. A escola xa ten cubertas todas as prazas dispoñibles para este curso, pero aínda quedan prazas abertas para clases de vento metal. Ademais, faise un chamamento ás persoas adultas interesadas en cantar para unirse ao coro, que xa conta cun grupo de dez integrantes.

A actividade da escola non se limitará ao curso escolar, xa que tanto a coral como a banda seguirán en funcionamento durante o verán. “Queremos que todas as persoas que teñan interese pola música poidan formar parte deste proxecto. Estamos seguros de que formaremos un equipo moi bo”, comenta Cornide. De feito, se hai demanda, a asociación está disposta a ampliar os horarios de clases no vindeiro curso para dar cabida a máis alumnado. Para aquelas persoas interesadas en contactar coa asociación, a información está dispoñible na súa páxina de Facebook ou a través do teléfono 674038003, onde poden preguntar por Helena Cornide.

⚙ Configurar cookies
0.16677403450012