O comite de empresa de Alcoa saca cousas positivas da mesa multisectorial
Hoxe pola tarde foi a reunión da mesa multisectorial na que se sentaron os representantes dos traballadores e da empresa, así como da Xunta e do Goberno central. No caso do Goberno central estarán presentes o secretario xeral de Industria, Raul Blanco, así como o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e a subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez.
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, tamén comentou tralo encontro "que saca cousas positivas da reunión, na que Xunta quere apostar por nos e meter unha PPA, o Goberno quere apostar por nos apoiando cun marco enerxético para que poidamos chegar a esa PPA e dentro de dun par de anos poidamos ter unha viabilidade como planta. O problema que temos é que Alcoa di que calquer marco que lles poñan non lles sirve e tampouco valora unha posible venta".
"Se a Xunta e o Goberno teñen intención política de salvar a fábrica poden levalo a cabo e seremos salvados. Como traballadores e como fábrica a nosa salida é a loita. A Mariña salvase loitando", remata dicindo Zan.
O secretario xeral de Industria e da Peme, Raul Blanco, insistiu hoxe na necesidade de manter a unidade de actuación para manter as capacidades produtivas e o emprego na planta de Alcoa en San Cibrao, e instou á dirección de Alcoa a que aclare o seu plan industrial.
Na reunión telemática da Mesa Multilateral de Alcoa San Cibrao na que participou a Xunta de Galicia, as federacións autonómicas de industria de UXT, CCOO e CIG, e o comité de empresa da planta, Blanco reiterou o compromiso do Goberno tanto para o mantemento da produción de aluminio primario como coas industrias electrointensivas e hiperelectrointensivas.
Con todo, deixou claro que, se Alcoa non presenta un plan industrial, deixe paso a outras empresas interesadas en operar na planta da Mariña: “Non queremos unha morte por capítulos, queremos coñecer os plans de Alcoa, as administracións estamos dispostas a apoiar o mantemento da actividade”, sinalou Blanco; “pero se non teñen un plan industrial, e queren pechar en España, en Europa e en Estados Unidos para centrarse noutros proxectos, que deixen paso. Lugo, Galicia e España dinllo”.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou trala a reunión, que o Goberno segue sen comprometerse a fixar un prezo eléctrico que permita á industria electrointensiva competir en igualdade de condicións co resto de Europa, evitando así a fin da produción de aluminio primario en España e garantindo o mantemento dos postos de traballo da planta lucense.
Conde advertiu de que, como nas reunións anteriores, o encontro desta tarde rematou sen que o Goberno presentase o borrador do Estatuto para os consumidores electrointensivos e sen concretar se aceptará as alegacións de Galicia, Asturias e Cantabria para fixar un prezo eléctrico estable e competitivo. Neste sentido, o conselleiro incidiu en que, se o estatuto non recolle as alegacións, será un estatuto ineficaz, porque non dará resposta ás necesidades reais que ten a industria electrointensiva en España para ser competitiva.
Tamén, a reunión tamén concluíu sen saberse cales son as medidas a curto prazo previstas polo Goberno, polo que o conselleiro reclamou que se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) a convocatoria de poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano, así como o orzamento máximo que permite a Unión Europea para as compensacións por emisións de CO2.