O Comité de Alcoa denuncia discriminación laboral na planta de Aluminio e reclama solucións

O Comité de Empresa de Alúmina-Aluminio San Cibrao informou de que a Xunta de Galicia confirmou a súa asistencia a unha reunión na fábrica o vindeiro 30 de outubro, a petición do propio comité, para tratar o avance da cota 104, a tramitación da cota 110 e o plan de viabilidade. Con todo, o comité segue á espera de que o Goberno convoque a reunión de seguimento comprometida.
Nun comunicado interno, o comité denuncia a situación de discriminación que, segundo afirman, sofre a planta de Aluminio respecto da de Alúmina en cuestións de recursos humanos. O órgano de representación mantivo unha reunión coa dirección para abordar esta problemática, solicitando que se levantase acta, o que foi rexeitado pola empresa. Ademais, reclamouse a presenza do responsable de RRHH de Aluminio para dar solucións, algo que tampouco se atendeu.
Na xuntanza, o comité puxo de manifesto múltiples diferenzas entre ambas plantas. Entre elas, destacou que non se permite gozar dos contratos relevo de igual xeito, xerando un clima de incerteza entre o persoal; que as valoracións de seis meses dende a entrada do persoal de mantemento non se comunican en prazo; e que se incumpre o dereito á información do comité, negándolle documentación reiteradamente. Tamén se denunciou a falta de resposta ás solicitudes de conciliación da vida laboral e persoal, o incumprimento das novas descricións de postos de traballo e a ausencia de reunións de atencións sociais.
O comité acusa a empresa de incumprir de forma continuada o convenio colectivo e de vulnerar dereitos básicos dos traballadores. Afirman que a situación é idéntica á xa denunciada o pasado ano e que a empresa rompe de maneira premeditada o clima de paz social que se alcanzara no marco do plan de viabilidade. Engaden que a dirección recoñeceu non ter capacidade nin medios para atender as reclamacións, polo que o comité insiste en que é necesaria unha reunión coa presenza de representantes de RRHH Europa.
Por outra banda, o comité tamén trasladou á dirección de Aluminio a reclamación dos traballadores de Electrodos, que se senten enganados e discriminados. Segundo explican, hai persoal externo desempeñando funcións en Electrodos mentres traballadores da planta permanecen en Electrolysis, polo que se demanda cubrir as baixas con persoal propio e consolidar os postos dos empregados desprazados. Tamén reclaman que as novas incorporacións sexan formadas adecuadamente, xa que, segundo denuncian, se está contratando persoal sen experiencia nin formación suficiente.
A dirección limitouse a escoitar as queixas sen ofrecer resposta ás reivindicacións formuladas, segundo indicou o comité, que advirte de que a situación laboral continúa deteriorándose en varios departamentos e que seguirá reclamando medidas concretas para garantir os dereitos do persoal e o cumprimento dos compromisos asumidos pola empresa.