O comité de Alcoa denuncia as primeiras ameazas de despidos tras o incumprimento do plan de viabilidade
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao denunciou o incumprimento do plan de viabilidade por parte da multinacional e a falta de supervisión e control por parte da Xunta de Galicia e o Goberno de España. Segundo informan, esta situación está a provocar os primeiros despidos, afectando inicialmente aos traballadores de Edyproga.
Sinalan que dos 16 traballadores desta empresa, 6 xa recibiron ameazas de despedimento verbal, aínda que, ata o momento, non se lles notificou nada por escrito. Esperan que isto ocorra ao longo desta semana. Ademais, din que moitas empresas están a obrigar aos traballadores a utilizar as súas vacacións debido á falta de traballo, unha situación que podería empeorar para outros empregados do complexo industrial.
O comité de empresa sinala que este incumprimento, xunto coa pasividade das administracións, podería afectar a máis traballadores da zona, e xa está a ser o detonante para iniciar as mobilizacións anunciadas. A próxima concentración está en preparación, e os detalles sobre ela daranse a coñecer na vindeira semana. A empresa e os representantes sindicais continúan na procura de medidas para defender os postos de traballo do complexo industrial e da comarca.