O comité de Alcoa anuncia novas mobilizacións e valora levar á empresa aos tribunais

AMariñaXa
Os sindicatos acusan á multinacional de paralizar de forma inxustificada o arranque da planta de aluminio e reclaman a reactivación da mesa de seguimento coas Administracións
Alcoa-manifestacion-10-10-2021--3
22 May 2025

O conflito en Alcoa San Cibrao volve intensificarse. O comité de empresa decidiu retomar as mobilizacións tras considerar que a multinacional está a incumprir o acordo asinado para o cesamento temporal da produción, ao paralizar sen consenso o proceso de arranque das cubas de electrólise. Segundo explicaron os representantes sindicais tras o pleno celebrado onte, tamén se estuda emprender accións xudiciais contra a compañía.

A orixe da controversia está na decisión de Alcoa de frear o reinicio da produción, argumentando como causa o apagamento eléctrico do pasado 28 de abril, que inutilizou 27 das 41 cubas que xa foran reactivadas. A empresa comprometérase por escrito a ter operativas as 512 cubas en outubro, pero agora supedita ese proceso á existencia de garantías fronte a futuros cortes de subministración.

Para os sindicatos con representación no complexo —CCOO, UGT, CIG e CCP—, esta xustificación non é válida. “Non vemos viable o que está facendo a empresa”, afirmou o presidente do comité, José Antonio Zan, quen confirmou que as asesorías xurídicas das centrais xa están a analizar a posibilidade de presentar unha demanda ou mesmo unha querela por incumprimento do acordo.

En paralelo, os sindicatos decidiron intensificar a presión institucional. Acordaron solicitar cada semana a Xunta de Galicia e ao Goberno central a convocatoria da mesa de seguimento do futuro da planta de aluminio. Esta mesa, na que están presentes tamén a empresa e as Administracións, non se reúne desde hai semanas malia as dúas peticións formuladas polo comité.

“A nosa intención é saber que propón Alcoa e como encaixa iso co memorando de entendemento que se asinou en xaneiro coas Administracións e a empresa Ignis”, indicou Zan. Segundo o comité, a propia multinacional indicou que ofrecería unha solución nun prazo de “semanas”, pero de momento non se concretou ningunha proposta.

Ademais, avanzan que haberá protestas “nos próximos tempos”, aínda que polo de agora prefiren manter en segredo os detalles das mobilizacións para preservar o efecto sorpresa.

⚙ Configurar cookies
0.17264103889465