O comercio mariñán sorteará en Foz 30 cheques regalo

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
25 Sep 2019

A campaña da FCAM 1000 motivos para mercar na Mariña chega a Foz. Todas as persoas que realizaron ou realicen as súas compras do 23 ao 29  de setembro no comercio asociado ao Centro Comercial Aberto focense entrarán no sorteo de 1.000 euros en vales de compra. Só teñen que estar atentas ás redes sociais e aos medios de comunicación para coñecer os números das papeletas premiadas  no sorteo que se celebrará o vindeiro luns, día 30. Haberá un premio de 500 euros e cinco de 100 euros cada un en vales de compra para gastar nos establecementos asociados durante os 30 días seguintes á celebración do sorteo en Foz. 

En total a FCAM destina 8.000 euros a premios nesta campaña. Mil euros en cada asociación que a conforma: Viveiro, Foz, Xove, Burela, Ribadeo, Covas, Lourenzá e O Vicedo. 

SORTEO EN VIVEIRO. No sorteo celebrado en Viveiro os números premiados foron os seguintes: con 500 euros resultou agraciado o 35.911, que foi repartido en Mesón O Recuncho; e con 100 euros cada un foron premiados o 30.469 en Raquel Seijido, o 7.044 en Albo Zapaterías, o 19.739 en Bar Castilla; o 28.101 en Laboratorio Anferbadent e o 26.942 en Peluquería Últimas Líneas. Desde a FCAM subliñan que “os posuidores das papeletas afortunadas dispoñen dun prazo de 30 días para reclamar e consumir os seus premios”. 

Os sorteos terán lugar os luns na sede de cada Acia participante. En Foz a campaña será do 23 ao 29 de setembro e o sorteo celebrarase o 30 en Acia Foz; en Xove desenvolverase do 14 ao 20 de outubro e o sorteo realizarase o día 21 na Aciam; a Burela a campaña chegará do 21 ao 27 de outubro e o sorteo está previsto para o día 28 no CCA burelés; en Ribadeo a campaña será do 28 de outubro ao 3 de novembro e o sorteo farase o 4 en Acisa; en Covas esta campaña da FCAM terá lugar do 4 ao 10 de novembro e o sorteo será o 11 en Beiras de Viveiro; 1.000 motivos para mercar na Mariña será en Lourenzá do 11 ao 17 de novembro e o sorteo efectuarase o 18 na Acia laurentina. A campaña rematará do 18 ao 24 de novembro en O Vicedo, onde o sorteo será o 25 na Acia desta vila.

A campaña 1.000 motivos para mercar na Mariña está organizada pola Federación de Comercio A Mariña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. 

0.16132092475891