O colexio Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo recibiu un Premio de Innovación e Experimentación Pastoral
O colexio Sagrado Corazón de Jesús, de Ribadeo, recibiu o 2º Premio de Innovación e Experimentación Pastoral, convocado por Grupo Santillana de Ediciones en colaboración con Escolas Católicas Galicia. Está dotado con 700 euros e foi polo traballo denominado A felicidade de darse, que recolle algunhas das experiencias de aprendizaxe-servizo que levaron a cabo alumnos do centro. O premio foi recollido pola directora titular do centro, sor Purificación García, e a coordinadora de Pastoral, Mercedes Eiros, este mediodía en Santiago. Por outra banda, o colexio celebrará unhas xornadas de portas abertas o luns e o xoves da vindeira semana.
A xefa de estudos do Colexio Sagrado Corazón de Jesús, Begoña Sanjurjo, explicou: “ao colexio Sagrado de Jesús, de Ribadeo, déronnos un premio por un traballo que se chama A felicidade de darse. É o segundo premio autonómico, consistente en 700 euros, dun certame que convoca Escolas Católicas a traballos de innovación e experimentación pastoral”.
Begoña Sanjurjo engadiu que “o noso traballo consiste nun resume de actividades de aprendizaxe-servizo que levamos a cabo no centro e nas que os nenos van adquirindo novas competencias e contidos, pero sempre utilizando técnicas e dándose aos demais, facendo algún servizo á comunidade, xa sexa aos seus compañeiros ou a outras persoas doutros estamentos da sociedade. Nosoutros facemos moitas actividades deste tipo, pero englobamos algunhas cando nos presentamos a este premio. Por exemplo facemos actividades co Centro de Día e co Asilo, a onde van os alumnos de 6º a facerlles compañía aos anciáns, a lerlles, facer obras de teatro e pasatempos con eles. Os de 4º de ESO colaboran co Centro de San Lázaro e San Pablo, de Mondoñedo, onde están residentes que teñen problemas intelectuais. Imos alí e facemos con eles actividades de informática, de movemento e manualidades, ademais de paseos polo pobo. O ano pasado, por exemplo, fixemos unha visita guiada por Mondoñedo. O resto das actividades son no centro, dos alumnos máis grandes cos máis pequenos, como o apadriñamento ao lector, nos que os maiores axudan aos pequenos a aprender a ler, ou alumnos que saben guitarra, por exemplo, axúdanlles a outros máis novatos”.
A xefa de estudos do centro subliña que “estas actividades son boas porque a persoa aprende a coller responsabilidades e a ser solidarios. Danse conta do difícil que é as veces ensinar, tamén collen soltura, desenvolven empatía co que ten dificultades e adquiren habilidades que son necesarias para a vida”.