O colexio Pilar de Foz participou na iniciativa Chaveiros Solidarios
A Delegación de Servizos Sociais do Concello de Foz vén de recibir uns lotes de alimentos, produtos de limpeza e hixiene recollidos polo colexio O Pilar coa iniciativa denominada Chaveiros Solidarios.
A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explica que “é unha iniciativa solidaria, levada a cabo polo alumnado de 3º de Primaria do colexio do Pilar de Foz co lema Un chaveiro por alimentos, chaveiros que as nenas e nenos elaboraron coas súas propias mans, supervisados polos mestres do centro. Os mesmos alumnos e alumnas, acompañados dos seus mestres, hai unhas semanas visitaron o roupeiro e o Banco Local de Alimentos, interesándose polo labor que se leva a cabo dende a Delegación de Servizos Sociais, coa inestimable axuda do noso voluntariado de Foz. No Banco Local de Alimentos aténdese a máis de 70 familias en situación de vulnerabilidade”.
Ana Rojo engade que “a pretensión con este fermoso xesto solidario dos rapaces é poder colaborar co Concello, contribuír na procura de alimentos e ser partícipes na recollida de produtos para o banco local. Toda esta achega será entregada en próximos días ás familias usuarias”.
A edil de Servizos Sociais agradece “de maneira especial a estes alumnos e alumnas de 3º de Primaria do Pilar, mestres, pais e nais e todas aquelas persoas que participaron nesta campaña solidaria Chaveiros por alimentos, resaltando a educación en valores e potenciando dende os colexios a solidariedade e os afectos no noso pobo coas persoas máis vulnerables. Grazas pola vosa encomiable axuda!”.