O Colectivo Pensamento e Sementeira reforza a súa aposta pola tradición coa Foliada do Maio

A cultura e as tradicións populares volven tomar protagonismo en Viveiro da man do Colectivo Pensamento e Sementeira, que organiza a segunda edición da Foliada do Maio.
Este evento, que tivo a súa estrea en 2024, xorde co obxectivo de dinamizar a vida cultural do municipio e recuperar celebracións tradicionais que estaban en risco de desaparecer. A cita será o próximo sábado 10 de maio na Escola Vella de Galdo, un espazo que cobra un significado especial para o colectivo, xa que alí imparten as súas clases de baile tradicional desde o pasado outono.
UN PROXECTO QUE MEDRA
A idea de crear a Foliada do Maio xurdiu nas primeiras reunións do novo grupo de traballo do colectivo en marzo de 2024. Desde entón, o evento foi tomando forma ata converterse nun referente para os amantes da música e do baile tradicional. O éxito da primeira edición animou os organizadores a apostar por unha segunda entrega con novidades destacadas.
Entre os cambios máis significativos desta edición está a participación de grupos chegados de diferentes puntos de Galicia, que aínda non visitaran Viveiro. As Pandeireteiras María Soliña, procedentes de Cangas do Morrazo, e o grupo Axeigo, de Lugo, serán algúns dos protagonistas desta xornada festiva. Ademais, a organización anuncia algunha sorpresa musical chegada desde Vigo, que se revelará nos próximos días.
XORNADA DE TRADICIÓN
Ademais dos concertos, a Foliada do Maio contará cun obradoiro de baile impartido por Miguel Abad, mestre de baile tradicional do colectivo. O obradoiro terá un formato familiar e nas próximas semanas abrirase un formulario de inscrición con máis detalles sobre horarios e idades recomendadas.
A festa rematará cunha foliada libre na que todos os asistentes están convidados a participar. Deste xeito, a organización anima á xente da Mariña a levar os seus instrumentos –pandeiretas, gaitas, acordeóns, tambores, bombos– para continuar coa celebración e compartir un espazo de música e baile.
GRAN ACOLLIDA
A resposta da comunidade está sendo moi positiva, segundo indican desde o Colectivo Pensamento e Sementeira. Desde o primeiro anuncio en redes sociais, moitas persoas manifestaron o seu interese en asistir e participar na celebración. “Estamos moi contentas coa acollida. Agardamos que o día do evento todas estas boas expectativas se fagan realidade e poidamos vivir unha xornada fermosa de convivencia”, destacan desde a organización.
REVITALIZANDO AS TRADICIÓNS
Eventos como a Foliada do Maio desempeñan un papel clave na preservación da cultura popular galega. En moitas localidades do país, as foliadas levan anos sendo un punto de encontro para os amantes da música e do baile tradicional. En Viveiro, esta iniciativa achega o seu gran de area a esta rede cultural que mantén vivas as nosas raíces.
O caso da Mariña é un exemplo de como estas celebracións se consolidan no tempo. A Foliada de Xove xa vai pola súa décimo sexta edición, a de Cervo pola novena e a de San Cibrao pola oitava. Agora, con esta segunda edición da Foliada do Maio, Viveiro busca sumarse a esta tradición e converterse nun referente da música e do baile tradicional galego.