O Colectivo Pensamento e Sementeira propón unha andaina polas minas da Silvarosa

AMariñaXa
A ruta, guiada por Boris Vilar, percorrerá sete quilómetros entre natureza e historia o sábado 22 de novembro
Viveiro-cargadoiro-mina-silvarosa-1
12 Nov 2025

O Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro convida á veciñanza a participar nunha nova actividade cultural e medioambiental que combina natureza, exercicio e memoria histórica. Trátase dunha andaina polas antigas minas da Silvarosa, un enclave cheo de historias e lembranzas que co paso do tempo foron quedando esquecidas entre os montes da zona.

A cita será o sábado 22 de novembro ás 10.00 horas, cun percorrido duns sete quilómetros e unha duración estimada de tres horas e media. O punto de encontro será o campo de fútbol das Douradas, na parroquia de Vieiro. A ruta estará guiada por Boris Vilar, de Rutas Galicia Norte, quen acompañará aos participantes ofrecendo explicacións sobre o pasado mineiro de Viveiro e o impacto que esta actividade tivo na economía e na paisaxe local.

A proposta busca poñer en valor o patrimonio industrial e natural da comarca, ao tempo que ofrece unha oportunidade de desconectar da rutina e compartir unha experiencia colectiva nun entorno privilexiado. “É unha maneira de aprender camiñando, de redescubrir espazos que forman parte da nosa identidade e de gozar da contorna dun xeito respectuoso”, sinalan desde o colectivo organizador.

A actividade é gratuíta para as persoas socias e ten un custo de 5 euros para non socias. As prazas poden reservarse a través do formulario dispoñible nas historias destacadas das redes sociais do colectivo.

Desde Pensamento e Sementeira lembran que a iniciativa está aberta a todos os públicos e recomendan levar calzado cómodo, auga e roupa axeitada para o sendeirismo. Unha oportunidade, din, para caminar, aprender e compartir entre paisaxes que gardan a memoria mineira de Viveiro.

⚙ Configurar cookies
0.069626092910767