O Colectivo Pensamento e Sementeira coordinará a limpeza da praia de Covas na xornada ambiental organizada por ADEGA

AMariñaXa
A iniciativa desenvolverase o domingo 19 de outubro en Viveiro dentro da Limpeza Simultánea de Praias, coa que se busca sensibilizar sobre o impacto do lixo mariño
pensamento_e_sementeira
15 Oct 2025

O Colectivo Pensamento e Sementeira participará este domingo, 19 de outubro, na nova edición da Limpeza Simultánea de Praias, unha acción colectiva impulsada por ADEGA que se celebra de maneira simultánea en distintos puntos da costa galega. A actividade ten como finalidade concienciar sobre o problema do lixo mariño e fomentar o respecto polo litoral.

Nesta ocasión, o colectivo viveirense coordinará a limpeza da praia de Covas, unha das máis emblemáticas da comarca. A cita desenvolverase entre as 10:30 e as 13:30 horas, e o punto de encontro para o inicio da xornada será o paseo marítimo de Covas, fronte aos Castelos, onde se entregará o material necesario ás persoas participantes.

Desde Pensamento e Sementeira fan un chamamento á participación veciñal, convidando a todas as persoas interesadas a sumarse a esta actividade ambiental e colaborativa. “Trátase dunha oportunidade para actuar de forma directa en favor do noso entorno e para reflexionar sobre a pegada que deixamos no mar”, sinalan desde a organización.

A actividade está aberta a toda a cidadanía, sen necesidade de experiencia previa. Para facilitar a organización, cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico a colectivosementeira@gmail.com, indicando o interese en participar.

Coa súa implicación nesta xornada, Pensamento e Sementeira reforza o seu compromiso coa sustentabilidade e a educación ambiental, colaborando un ano máis con ADEGA na defensa dun litoral galego máis limpo e respectuoso co medio.

⚙ Configurar cookies
0.078474044799805