O Colectivo Pensamento e Sementeira celebra un Magosto Popular en Celeiro o sábado 2 de novembro

AMariñaXa
Obradoiros de baile tradicional, creación de colares de zonchos, actuacións en directo e degustación de castañas asadas farán desta xornada unha celebración perfecta para todas as idades
castañas-magosto
27 Oct 2024

Este sábado 2 de novembro, celébrase o esperado Magosto Popular na Casa do Forno de Celeiro (Viveiro), un evento que promete unha xornada chea de tradición, música e actividades para todas as idades. Organizado polo Colectivo Pensamento e Sementeira, o magosto contará con obradoiros, actuacións musicais, sorteos e moito máis.

O programa arranca ás 17:00 coa sesión de baile "TradInclusivo", un obradoiro de baile tradicional dirixido por Cris Canosa e pensado para promover a inclusión a través da música galega. A continuación, de 17:30 a 18:30, os máis pequenos poderán participar na creación de colares de zonchos, un obradoiro dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. Seguidamente, haberá outro obradoiro de baile tradicional para os interesados en aprender os pasos básicos desta danza popular, tamén a cargo de Cris Canosa.

Ás 20:30 comeza o magosto propiamente dito, coa degustación de castañas asadas. E a partir das 21:00, os asistentes poderán gozar de actuacións musicais a cargo dos grupos "Amigos do Folk" e "Fol do Raxal". A noite rematará cunha foliada libre aberta a todos aqueles que queiran participar con música e baile.

Este evento é unha excelente oportunidade para celebrar a chegada do outono coa calor das castañas e o son da música tradicional. Para participar nos obradoiros, é necesario inscribirse previamente a través dos enlaces dispoñibles na páxina do Colectivo Pensamento e Sementeira.

magosto celeiro
0.15865397453308