O Colectivo Pensamento e Sementeira aposta pola tradición na Foliada do Maio

O Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro volve apostar pola recuperación das tradicións coa segunda edición da Foliada do Maio, unha celebración que terá lugar o vindeiro sábado 10 de maio na Escola Vella de Galdo.
O obxectivo desta festividade é poñer en valor os Maios, unha conmemoración propia da cultura galega que exalta a chegada da primavera e o renacer da natureza tras o inverno. A través da música e da convivencia, a organización busca dar un novo pulo a esta tradición en Viveiro.
Aínda que nos vindeiros días se irán revelando máis detalles sobre o cartel de actuacións, o colectivo xa confirmou a presenza dun dos primeiros grupos que amenizarán a xornada: as Pandereteiras María Soliña.
A Foliada do Maio promete ser unha xornada chea de cantos, instrumentos tradicionais e ambiente festivo, mantendo vivo o espírito das celebracións populares galegas.