O colectivo Ollomao organiza en Vilamar un curso de cerámica para redescubrir a arte de crear coa terra

AMariñaXa
A actividade, que se desenvolverá do 10 ao 14 e do 17 ao 21 de novembro, forma parte do programa Mans Artesás da Deputación de Lugo
ceramica-torno
8 Nov 2025

O colectivo cultural Ollomao, de Barreiros, vén de anunciar a celebración dun taller de cerámica que se impartirá no local do campo da festa de Vilamar entre os días 10 e 14 e 17 e 21 de novembro, en horario de 18:30 a 20:30 horas. A iniciativa enmárcase dentro do programa Mans Artesás, promovido pola Deputación de Lugo a través da súa Área de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica/CENTRAD, co obxectivo de achegar a creación artesanal á veciñanza e fomentar o coñecemento das tradicións galegas.

Baixo o lema “En Barreiros levamos o barro no nome... e agora tamén nas mans!”, Ollomao invita a veciños e veciñas a mergullarse no pracer de crear coa terra e a tradición, guiados polo obradoiro Alfar Os Muíños, de Mondoñedo. O curso permitirá aprender as técnicas básicas da cerámica galega, modelar pezas únicas e gozar do proceso creativo paso a paso, nun ambiente distendido e participativo.

O colectivo sinala que as prazas son limitadas e que se dará prioridade ás persoas asociadas a Ollomao. As inscricións poderán formalizarse ata o 8 de novembro a través do número de teléfono 678 546 526.

Con esta proposta, Ollomao continúa a súa liña de traballo para dinamizar a vida cultural de Barreiros e promover a participación cidadá en actividades vinculadas coa arte, a historia e o patrimonio inmaterial. “Queremos que a xente volva sentir o orgullo de crear coas mans, mantendo viva unha tradición que forma parte da nosa identidade”, explican dende a organización.

⚙ Configurar cookies
0.072537899017334