O colectivo Memoria da Mariña organiza un 'Paseo polo Mondoñedo republicano' este domingo
Este domingo, 14 de abril, coincidindo co 93º aniversario da proclamación da II República, o colectivo Memoria da Mariña organiza en Mondoñedo un acto conmemorativo denominado 'Paseo polo Mondoñedo republicano'.
A actividade consiste na realización dunha ruta guiada que comezará ás 12.00 horas na Praza de San Xoán (a carón da fonte co relevo de Manuel Leiras Pulpeiro) e que continuará polas rúas Leiras Pulpeiro e José Febrero (casas natais, residencial e mortuoria de Leiras).
As persoas que participen pasarán pola Fonte Vella, onde se lembrarán as figuras de J. Sánchez Gacio, presidente da Deputación de Lugo e gobernador civil da Coruña nos anos da II República; e a obra de Álvaro Cunqueiro e a súa produción xornalística e literaria entre 1930 e 1936 diante da casa natal, así como os vencellos dos mozos galeguistas desa época co propio Cunqueiro, o músico Manuel Ledo Bermúdez 'O Pallarego', xunto con outros prohomes da cultura e política mindoniense, como A. Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome e Bernardino Vidarte, entre outros.
A seguinte parada terá lugar na praza da Catedral, cabo do edificio do vello consistorio desde cuxo balcón se pregoou a boa nova da chegada da República en 1931 por parte do entón alcalde, Cándido Carreiras Domenech.
Tamén se farán paradas diante do Casino para lembrar o histórico mitin de Castelao de 1933 e da casa natal de Cándido Carreiras, ilustre republicano.
A ruta rematará no Cemiterio Vello, a carón das sepulturas do propio Carreiras e de Manuel Leiras Pulpeiro, o médico, poeta e gran referente dos republicanos mindonienses e logo haberá un xantar de confraternidade na Casa da Penela, de Vilamor.
As persoas interesadas en asistir deberán facer a reserva previamente nos teléfonos 683 148 757 e 608 987 474.