O cociñeiro Xabier Castrelo achegou a Aula Gastronómica Galicia Calidade ao IES de Foz
A Aula Gastronómica Galicia Calidade visitou hoxe o IES de Foz da man do cociñeiro Xabier Castrelo, do Restaurante El Refugio de Oleiros. Castrelo realizou un obradoiro formativo con estudantes do primeiro ano do ciclo superior de dirección de cociña.
Trátase da segunda edición desta proposta que percorre distintas escolas de formación en estudos de hostalería da comunidade galega para dar a coñecer entre alumnos e alumnas os produtos e empresas co selo de garantía de Galicia Calidade, da man dos e das chefs máis destacados. Con isto, trata de que as futuras xeracións da restauración na nosa terra incorporen no seu percorrido profesional estes alimentos e recursos de proximidade e da máxima calidade.
Ademais, entre todo o alumnado participante nesta edición sortearase unha comida ou cena para no restaurante da súa elección de entre todos os implicados.
Tamén participou a Fundación Artesanía de Galicia coa vaixela e utensilios empregados no cociñado mediante o proxecto Artesanía no Prato, que busca establecer sinerxias entre artesanía, deseño e gastronomía.
Menú e traxectoria
No obradoiro conducido por Xabier Castrelo, alumnas e alumnos colaboraron na realización de catro platos: polbo cocido no seu propio mollo con xenxibre e pataca chafada con grelos; pescada en papillote de verduras con berberechos; rabo de tenreira recheo de foie e trufa con fabas de Lourenzá; e mirabeles con xeado de limón e viño tostado de Viña Costeira.
As marcas Galicia Calidade implicadas nesta convocatoria foron Bico de Xeado, Viña Costeira, Conservas A Rosaleira, Puerto Celeiro, Terras da Mariña, Jealsa-Rianxeira e Rosa de los Vientos.
Xabier Castrelo formouse como cociñeiro no IES Paseo das Pontes. Aínda que primeiro estudou a carreira de dereito, a súa traxectoria profesional está vinculada desde hai máis de 15 anos ao restaurante familiar, El Refugio. Situado en Oleiros, o establecemento ten máis de 40 anos de historia e conta co selo de Galicia Calidade, entre outras distincións.
As últimas citas da Aula Gastronómica Galicia Calidade serán no mes de maio. O día 5 visitará o IES Sanxillao de Lugo coa chef Lucía Freitas, para pechar a súa andadura o día 19 en As Pontes, co cociñeiro Adrián Felípez.