O Club Hípico Terras do Mariscal renuncia a organizar un raid tras anos de xestións sen apoio institucional

O Club Hípico Terras do Mariscal anunciou a súa decisión de abandonar o proxecto de organización dunha proba de raid hípico logo de catro anos de xestións, negociacións e dificultades tanto a nivel institucional como federativo. A entidade considera esgotadas as vías para sacar adiante a competición e opta agora por redirixir os seus esforzos cara á participación en probas xa consolidadas en Galicia e Asturias.
Segundo explicou o club, a finais de 2024 o seu presidente mantivo contactos co Concello de O Valadouro, que trasladou a posibilidade de financiar integramente a proba de raid prevista para 2026. Porén, no momento de fixar o calendario da Federación Hípica Galega, o novo goberno municipal aínda non estaba constituído, o que deixou ao club fóra das datas oficiais. Xa durante o pasado ano, a entidade retomou as conversacións co Concello para explorar de novo a viabilidade da proba, sen obter, segundo denuncian, unha resposta clara.
O club sinala que, tras varias semanas de escasa ou nula atención por parte da concelleira de Deportes de O Valadouro, que exercía o cargo de maneira intermitente, decidiu contactar directamente co alcalde, quen finalmente lles comunicou que o Concello non prestaría apoio á iniciativa.
Lonxe de desistir, o Club Hípico Terras do Mariscal buscou alternativas no Concello veciño de Alfoz, co que comparte o val no que está asentada a entidade. Desde Alfoz, segundo indican, recibiron unha proposta para financiar arredor do 70 % da proba, ademais de ofrecer apoio loxístico. O único paso pendente era a confirmación da data por parte da Federación Hípica Galega, xa que a competición estaba prevista inicialmente para decembro de 2026.
Non obstante, a Federación comunicou que, debido a recortes orzamentarios, o calendario reduciríase a sete probas —oito contando a internacional—, argumentando que non había fondos suficientes para ampliar o número de eventos. Ante esta situación, a dirección do club trasladou ao Concello de Alfoz a imposibilidade de seguir adiante, entendendo que os recursos municipais podían destinarse a outras entidades ou proxectos.
Desde o Club Hípico Terras do Mariscal agradecen expresamente o apoio e a disposición amosada polo Concello de Alfoz, ao tempo que lamentan a falta de atención e as continuas escusas recibidas por parte do Concello de O Valadouro. A entidade pecha así unha etapa marcada pola loita por traer unha proba de raid á zona e inicia unha nova fase centrada na participación deportiva fóra do ámbito organizativo.