“O Club” devolverá vida social e cultural ao local de Riocobo en Cervo

O Concello de Cervo vén de pechar un acordo para dar un novo uso ao local social de Riocobo, que volverá converterse nun punto de referencia veciñal grazas á iniciativa de dous mozos emprendedores da localidade. Adrián Cao Borrajo e Alejandro Molina Otero poñerán en marcha “O Club”, un proxecto hostaleiro e cultural chamado a dinamizar tanto a vida social como a económica do municipio.
A cesión en réxime de arrendamento permitirá que o espazo recupere a súa esencia como lugar de encontro. A nova cafetería ofrecerá produtos locais de calidade e, ao mesmo tempo, abrirá as portas a unha intensa programación cultural. Está previsto que se organicen concertos acústicos, espectáculos de humor, cine-fórum, exposicións, obradoiros, clubs de lectura e propostas para todas as idades. Ademais, impulsaranse actividades especiais coincidindo co verán e o Nadal.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que con este proxecto “ampliamos servizos e recuperamos unhas instalacións que son referencia no noso concello, ao tempo que apoiamos o autoemprego e xeramos novas oportunidades de dinamización económica e cultural”. A rexedora aproveitou para transmitirlles os seus mellores desexos a Adrián e Alejandro, convencida de que “o seu esforzo terá unha repercusión positiva para todo o municipio”.
Pola súa parte, os dous promotores amósanse cheos de ilusión e sinalan que “O Club” nace coa vontade de ser “un lugar de encontro aberto a todo o concello, pensado para convivir, compartir e dinamizar a vida social de Riocobo e de todo Cervo”.