O Club Deportivo Os Avionetos presenta o seu proxecto cunha cea e unha noite de música en Vegadeo

O Club Deportivo Os Avionetos organiza este sábado 25 de outubro a súa festa de presentación no recinto feiral de Vegadeo. A xornada combinará gastronomía e música, cunha cea popular ás 22:00 horas que servirá de punto de encontro para socios, simpatizantes e veciñanza, e unha sesión musical que prolongará a festa ata ben entrada a madrugada.
O menú inclúe embutidos, empanada, paella, sobremesa e bebida, cun prezo de 20 euros por persoa. As entradas poden adquirirse a través das redes sociais do club, dos propios membros da entidade ou en diferentes establecementos colaboradores de Vegadeo e Barres, como o Café Bar O Veigueño, a Cafetería Cantábrico, a Carnicería Rodrigo ou A Viña de Ouro. Os tíckets estarán dispoñibles ata o mércores 22 de outubro.
A partir das 23:30 horas, e xa con acceso libre, o recinto feiral converterase nunha pista de baile coa actuación dos Djs Suky, Pedro Brmudz, Alejandro Martínez e Bombardero, que garantirán unha sesión con estilos variados e ritmos para todos os gustos.
Desde o club subliñan que esta cita é moito máis ca unha festa: supón o inicio dunha nova etapa na que Os Avionetos queren dar a coñecer o seu proxecto deportivo e crear un punto de encontro social para a mocidade e a veciñanza da comarca.