O Club de Remo de Ribadeo conta cunha nova embarcación M6
O Club de Remo de Ribadeo conta cunha nova embarcación M6, así o informou o presidente do club, Miguel Balsa. A concelleira ribadense e deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, explicou que “despois de estudar con detemento a petición realizada polo Club de Remo de Ribadeo desde a Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación concedémoslle a esta entidade unha subvención excepcional para colaborar no financiamento dos gastos derivados da adquisición dunha embarcación M6, cuxo custe se achegou aos 14.000 euros”.
A concelleira ribadense subliñou que “coa chegada desta embarcación ao Club de Remo de Ribadeo garántase tamén unha maior seguridade para atender un rescate ou calquera outra emerxencia que puidesen sufrir as remeiras e os remeiros desta entidade”.
A edil engadiu que “tanto desde o Concello de Ribadeo como desde a Área de Mocidade da Deputación, sempre apostamos polo deporte local e polos valores de entrega, esforzo, compañeirismo ou superación que clubs coma este lles transmiten ás nenas e aos nenos”.