O CIT de A Pontenova concede a terceira Troita de Ouro 2025 ao programa radiofónico Río de la Vida

AMariñaXa
Con estes recoñecementos pon en valor a contribución destas persoas ou programas ao mundo da pesca e a promoción dos seus valores
Troitas-ouro-pontenova-2025
7 Jan 2025

O Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) de A Pontenova recoñece a aquelas persoas, organismos, clubs e colectivos que destacan polo seu labor en favor da pesca e os seus valores.

Para este ano 2025 xa teñen adxudicadas as tres Troitas de Ouro, así, a primeira será para Said Yahiaoui Mohamed, profesor de economía pola Universidade de Lyon e actualmente xubilado, conta cunha ampla traxectoria no mundo da pesca deportiva. Competiu na alta competición en Francia entre 1991 e 1993 e foi capitán da selección francesa de pesca con mosca entre 1996 e 2013, acumulando un destacado palmarés internacional.

Baixo a súa dirección, a selección francesa conseguiu tres ouros por equipos nos mundiais de Suecia (2005), Inglaterra (2000) e Estados Unidos (1997); dúas pratas en Australia (1999) e Chequia (1996); e tres bronces en Noruega (2013), Nova Zelandia (2008) e Eslovaquia (2004). Ademais, foi campión de Europa de seleccións en Irlanda (2009) e Chequia (2011) e obtivo un bronce europeo en Bosnia (2010).

Recoñece tamén coa Troita de Ouro 2025 á Sociedade Deportiva Río Ulla. Destacan que o Concurso do Salmón do Ulla, xunto co Concurso do Salmón do Eo, son os únicos campionatos de pesca de salmón que hai en España. Consideran así que a Sociedade Deportiva Río Ulla, presidida por Manuel Sanmartín, estableceu grandes vínculos coa Pontenova na defensa da pesca.

A terceira Troita de Ouro é para o programa Río de la Vida, un dos máis novos de radio pero que xa colleu forza no colectivo de pescadores a nivel nacional. Dende fai anos os seus responsables, Oscar Arratia y Sebastián Cuestas, acoden á festa para divulgar en directo os acontecementos do evento.

Con estes recoñecementos, o CIT de A Pontenova pon en valor a contribución destas persoas ou programas ao mundo da pesca e a promoción dos seus valores a nivel internacional.

PEDRAS DE HONRA

A primeira Pedra de Honra será para o 'Canal Caza y Pesca' de Movistar+. Este medio destaca polo seu apoio á Festa da Troita e polos programas de Nacho Rojo e Susana García, que sempre poñen en valor o evento e os seus concursos de pesca. O acto de inauguración estará protagonizado polo director do canal, Ignacio Contreras, xunto con Rojo e García.

O pescador Pablo Castro, coñecido como 'O Bombeiro', será o segundo homenaxeado. Castro, un dos competidores máis recoñecidos da pesca a nivel mundial, deixou unha fonda pegada na Pontenova cando gañou o Concurso de Pesca a Mosca e recibiu a Troita de Ouro xunto coa Selección Nacional de Salmónidos-Mosca.

A terceira Pedra de Honra será para Leo de la Fuente, xornalista veterano e responsable do programa 'A Tenazón' de Radio Marca, ademais de colaborar en 'El Mundo de Valladolid'. La Fuente foi recoñecido no pasado coa Troita de Ouro pola súa contribución á difusión da festa.

Outro nome destacado será o de Alberto Torres, xornalista, escritor e unha figura clave na historia recente da Pontenova. Foi pregoeiro da festa en 2013, director do xornal 'Trueiro' e activista pola defensa do río Eo. Os seus libros e colaboracións son testemuño do seu compromiso co mundo da pesca e coa sostibilidade.

Finalmente, o recoñecemento tamén será para Antonio Pérez Henares, 'Chani', escritor, cazador e defensor do medio rural. Chani, que foi pregoeiro da Festa da Troita en 2017, elixiu a Pontenova como un lugar de repouso e inspiración, destacando pola súa defensa do patrimonio natural.

0.16239809989929