O CIT da Pontenova segue a rexeitar a decisión da FGD sobre a Festa da Troita
O Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova segue a rexeitar a decisión tomada pola Federación Galega de Pesca, que acorda que contemplará como falta moi grave a participación de clubs e deportistas federados en competicións galegas non autorizadas polo organismo federativo "coa ameaza da perda ou descenso de tódalas categorías".
Ante este acordo, os concellos da Pontenova e Ponte Caldelas, o CIT, a Sociedade río Ulla da Estrada e a Festa da Troita do Lor vén lesionados os seus dereitos e intereses pois "nas Festas da Troita dos nosos concellos e no Concurso do Salmón do Ulla veñen participando pescadores federados que a partir de agora terán que decidir se facelo ou non dada a ameaza da federación".
As festas que teñen lugar en Galicia arredor da pesca teñen o seu punto forte nos concursos nos que participan moitos pescadores de toda Galicia e mesmo de fóra dela.
Os asinantes anteriormente citados non entenden esta medida da Federación Galega de Pesca "que impide aos federados participar nas competicións que estimen oportuno aínda que algunhas non estean no calendario nin organizadas pola propia federación. Estes concursos non deixan de ser adestramentos dos deportistas que verán reducido o número de campionatos nos que tomar parte".
A Federación Galega de Pesca "é moi respectable como institución pero este acordo intenta dinamitar varias festas que supoñen unha gran fonte de ingresos para os pobos e as vilas nas que se celebran; son por tanto motor económicos. Para máis incredulidade, algunhas destas festas están declaradas de Interese Deportivo ou de Interese Turístico", sinalan.