O Cine Teatro de Ribadeo vibra esta fin de semana co mellor rock local e dos 90

O Cine Teatro de Ribadeo acollerá este sábado 12 de abril unha noite cargada de enerxía e guitarras coa actuación de Beetle Judge, a banda ribadense que subirá ao escenario ás 22:00 horas para presentar por fin na súa vila natal o seu último traballo, "Agents of Karma", publicado o pasado ano.
A cita musical forma parte do ciclo “Concertos no Galiñeiro”, promovido polo Vendaval Fest e a Asociación Cultural Cuatro Caños, e promete unha velada de música potente e auténtica.
Tras o concerto dos locais, será a quenda de The Nineties Rock the Machine, unha banda procedente da Coruña que revisita os himnos inesquecibles do rock alternativo da década dos 90. A súa posta en escena pechará a xornada con clásicos que marcaron xeracións enteiras.
Desde a organización convidan á veciñanza e aos amantes da música ao vivo a participar nunha noite pensada para desfrutar e apoiar o talento musical galego, tanto o de nova creación como o que mantén vivo o legado do rock.