O cine feito na casa regresa a Ribadeo coa IV edición do Festival de Cine Curto

AMariñaXa
O evento celebrarase os días 7 e 8 de agosto cunha nova selección de curtametraxes, música en directo e a presenza da actriz galega Mabel Rivera como madriña
Cine-ribadeo
5 Aug 2025

Ribadeo prepárase para acoller unha nova edición do seu Festival de Cine Curto, que nesta cuarta convocatoria, organizada polo colectivo Areas Movedizas, volverá poñer no centro da escena o talento audiovisual vencellado á Mariña, a Galicia e Asturias. Os días 7 e 8 de agosto, o cine “feito aquí” volverá tomar a vila, cunha programación que mestura curtametraxes de distintos xéneros, actividades culturais e unha firme aposta pola creación local.

Nacido no 2022 coa intención de achegar o cine curto á veciñanza e reivindicar que na contorna tamén se fan boas historias, o festival chega á súa cuarta edición con máis forza ca nunca. “Queremos seguir facendo do cine un espazo de encontro, de emocións compartidas e de respecto polo traballo de creadoras e creadores que apostan por contar dende aquí”, sinala o equipo organizador.

Nesta edición proxectaranse oito curtametraxes escollidas entre multitude de propostas. Trátase de “Corre, Adela” de Alba Pino; “Azkena”, de Ane Inés Landeta e Lorea Lyons; “Ratiña”, de Alicia Úbeda; “Monstera”, de Diego R. Aballe; “Curmán”, de Alejandro Jato; “La Reina de los Idiotas”, de J.K. Álvarez; “Campolivar”, de Alicia Moncholí; e “Komando Marmitako”, de Ane Nafarrate e Uxue Botas. As pezas abranguen xéneros como o drama, a comedia, o biopic, a animación ou o cinema experimental, amosando a diversidade e riqueza creativa que caracteriza ao festival.

A cita coas curtametraxes será o mércores 7 de agosto, ás 20:00 horas no Cine Ribadeo. O día seguinte, xoves 8, tamén ás 20:00, celebrarase a Gala Final no Teatro de Ribadeo. Será nese acto cando se desvele a curta gañadora, elixida polo propio público a través dos seus votos, nun exemplo máis do carácter participativo e horizontal do evento.

A actriz galega Mabel Rivera, recoñecida por filmes como Mar Adentro —polo que recibiu o Goya á mellor actriz de reparto—, será a madriña desta edición. Rivera, que xa presentara unha curta en anteriores edicións, regresará agora para entregar o trofeo e compartir coa veciñanza o seu apoio ao cine local.

A Gala Final contará tamén coa actuación do grupo ribadense Kornucopia, que achegará unha proposta musical que combina pop, folk e música tradicional con moita enerxía sobre o escenario. Como novidade, nesta edición o Festival súmase ás redes sociais da man da creadora de contido Prado Rúa, que dinamizará as alfombras vermellas e photocalls dende as 19:30 horas, tanto o día 7 como o 8, conectando así o evento cun público máis novo e dixital.

O colectivo organizador, Areas Movedizas, está formado por catro profesionais do sector audiovisual —Carme Rodríguez, Gloria González, Mónica Arnanz e Sergio García-Ramos— que achegan experiencia, paixón e unha mirada plural. Nesta edición, preséntase ademais unha nova identidade gráfica da man do deseñador Manu Cajal, mantendo como emblema a mascota do festival, O Mariñán, creación da ilustradora Elvira ELR, xa convertida nunha icona recoñecible do proxecto.

O evento conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Ribadeo, o Hotel Aduana, o Cine Ribadeo e a empresa Delira Gastronómica, reforzando así a conexión entre o festival e o tecido económico e social da vila.

Coa vista posta no seu quinto aniversario, o Festival de Cine Curto de Ribadeo consolida a súa aposta por medrar con identidade propia: desde o compromiso co territorio, co talento creativo e co público que cada ano fai posible esta celebración do cine pequeno con alma grande.

⚙ Configurar cookies
0.14657282829285