O CIM de Ribadeo promove unha saída ao balneario de Las Caldas dirixida a 50 mulleres

O Centro de Información á Muller de Ribadeo prepara para o sábado 26 de outubro unha viaxe ao balneario Aquaxana Las Caldas, en Oviedo, destinada a un grupo de 50 participantes. Trátase dunha proposta pensada para favorecer o coidado persoal e o encontro entre mulleres, nunha xornada que tamén inclúe tempo libre na capital asturiana.
A saída está programada ás 9.00 horas desde a Escola de Música, co regreso previsto arredor das 18.00 horas. Durante a mañá, as asistentes poderán gozar das instalacións termais do complexo e, xa na hora do xantar, terán ocasión de pasear por Oviedo e elixir onde comer, xa que a comida non está incluída.
O custo da actividade é de 36,10 euros por persoa, correspondente á cota de entrada ao balneario. O desprazamento en autobús, pola súa parte, será asumido polo Concello de Ribadeo.
As inscricións permanecerán abertas do 22 de setembro ao 15 de outubro no propio CIM, situado no Auditorio Hernán Naval, ou ben a través do teléfono 982 120 739.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que a iniciativa busca ofrecer espazos de autocuidado: “Queremos crear ocasións nas que as mulleres poidan compartir, desconectar e lembrar que tamén teñen dereito a dedicarse tempo a si mesmas, tanto a nivel físico como emocional”.