O CIM de Ribadeo organiza unha viaxe ao balneario de Oviedo para fomentar o autocuidado das mulleres

AMariñaXa
A proposta, prevista para o 26 de outubro, inclúe a visita ao complexo termal Aquaxana Las Caldas e tempo libre na capital asturiana
261021-Foto-Concello-Ribadeo
6 Oct 2025

O Centro de Información á Muller (CIM) de Ribadeo vén de anunciar unha nova actividade dirixida ás veciñas do municipio: unha viaxe ao balneario Aquaxana Las Caldas, en Oviedo, que se celebrará o sábado 26 de outubro e contará cun máximo de 50 prazas. A iniciativa pretende favorecer o coidado persoal e crear espazos de encontro, nunha xornada que tamén reservará tempo para gozar da cidade asturiana.

A saída está fixada para as 9.00 horas desde a Escola de Música de Ribadeo, cun regreso estimado arredor das 18.00 horas. Durante a mañá, as participantes poderán gozar das instalacións termais do complexo, mentres que na hora do xantar terán liberdade para elixir restaurante en Oviedo, xa que a comida non está incluída no programa.

O prezo da actividade é de 36,10 euros por persoa, correspondente á entrada ao balneario. O transporte en autobús será asumido polo Concello de Ribadeo, co obxectivo de facilitar a participación do maior número posible de mulleres.

As inscricións estarán abertas do 22 de setembro ao 15 de outubro no propio CIM, situado no Auditorio Hernán Naval, ou a través do teléfono 982 120 739.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, salientou a importancia da proposta, que busca ofrecer espazos de benestar e convivencia: “Queremos crear ocasións nas que as mulleres poidan compartir, desconectar e lembrar que tamén teñen dereito a dedicarse tempo a si mesmas, tanto a nivel físico como emocional”.

⚙ Configurar cookies
0.095637083053589