O CIM de Ribadeo edita o folleto 'Co-educa xogando' para orientar na compra de xogos e xoguetes

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O CIM ven de editar o folleto Co-educa xogando para orientar na compra de xogos e xoguetes nestas datas.
23 Dec 2019

O CIM ven de editar o folleto Co-educa xogando para orientar na compra de xogos e xoguetes nestas datas. O díptico será repartido polos centros educativos, biblioteca, escola de música e aqueles outros espazos aos que acoden diariamente as crianzas e as súas familias.

Desde o CIM explican que “o folleto inclúe claves para orientar na compra de xogos e xoguetes, con motivo da época do ano na que entramos e pola necesidade de romper cos roles e os estereotipos, que aínda a día de hoxe seguen imperando á hora de elixir regalos en función de se é para unha nena ou neno”.

No folleto sublíñase que “á hora de elixir os xogos hai que ter en conta que son para nenas e nenos indistintamente, sen diferenzas en función de sexo; que sexan variados e se adecúen ao momento evolutivo e ás preferencias persoais; que favorezan a autonomía persoal e o coidado recíproco; que fomenten a creatividade e o desenvolvemento de habilidades; e que faciliten a relación, a cooperación e a comunicación”.

No díptico hai consellos para elixir os vídeoxogos, os libros… e engade que “tamén podemos xogar sen xoguetes, …ás agochadas, ás adiviñanzas, ao vexo-vexo, contar historias e moitas máis cousas”.

O folleto remata cun decálogo de 10 ideas ou consellos, entre os que se atopa: “elixamos xogos e xoguetes que potencien a igualdade na participación, así como no desenvolvemento de sentimentos e afectos, sen diferenciación entre nenas e nenos. Deixemos que nenas e nenos elixan os xoguetes e xogos sen que o sexo os condicione. Permitamos que o xogo sexa libre e que experimenten con diferentes papeis”. E o último di: “ensinémoslles no presente a compartir xogos para que no futuro tamén compartan traballos e responsabilidades”.

0.13410711288452