O CIM de Mondoñedo convoca un concurso de debuxo para o 8M

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Mondoñedo organiza, con motivo do 8 de marzo – Día Internacional das Mulleres, o concurso Debuxando en Igualdade. A iniciativa pretende concienciar sobre a igualdade de xénero entre a mocidade e promover a reflexión a través da expresión artística.
O certame está dirixido ao alumnado de Primaria, ESO e Bacharelato dos centros educativos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza, Riotorto e Meira. Os participantes deberán presentar debuxos ou ilustracións en cartolina cun tamaño mínimo A4 e máximo A3, utilizando a técnica que prefiran. O tema central das obras será a igualdade entre mulleres e homes en calquera ámbito da vida, xa sexa familiar, social ou laboral.
Os traballos deberán entregarse ao responsable designado por cada centro escolar antes do 7 de marzo de 2025. O xurado seleccionará dous gañadores por categoría, que recibirán lotes de libros e material escolar como premio. O fallo darase a coñecer o 21 de marzo e a entrega de galardóns terá lugar o 29 de marzo de 2025.
Desde o CIM de Mondoñedo animan á participación e lembran que todas as bases do concurso poden consultarse nos centros educativos ou a través do propio CIM. Debuxando en Igualdade busca fomentar unha sociedade máis xusta e equitativa a través da creatividade e o compromiso da mocidade.