O CIFP Porta da Auga promove a súa oferta formativa entre o alumnado da comarca

AMariñaXa
Alumnado de varios centros da contorna coñece as instalacións e titulacións do centro, destacando a súa conexión coa realidade do mercado laboral
CIFP-PORTA-DA-AUGA-DE-RIBADEO-alumnado-mondo-foz-ribadeo-2025
28 Feb 2025

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, celebrou unhas xornadas de promoción da súa oferta educativa esta semana, concretamente o mércores 26 e o xoves 27 de febreiro. A actividade achegou ao alumnado de Secundaria e Bacharelato de centros da contorna a diversidade de titulacións e programas formativos que o centro ofrece, resaltando a súa calidade e a conexión directa coas necesidades do mercado laboral.

Durante as xornadas participaron estudantes do IES San Rosendo, de Mondoñedo; do CPR Martínez Otero, de Foz; e dos centros ribadenses IES Dionisio Gamallo e Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús. As visitas incluíron unha presentación das modernas instalacións do centro, laboratorios e espazos destinados á formación práctica dos estudantes.

As distintas familias profesionais que compoñen a oferta formativa do CIFP Porta da Auga - Administración e Xestión; Transporte e Mantemento de Vehículos; Servizos Socioculturais e á Comunidade; Edificación e Obra Civil; e Electricidade e Electrónica - foron o centro de atención, poñendo en valor o enfoque integral do centro para preparar aos alumnos para un futuro profesional competitivo.

O director do centro, Isidro Berdeal Díaz, destacou que “as visitas foron unha oportunidade única para que moitos estudantes, e por ende as súas familias, coñezan de primeira man a calidade da nosa formación, a nosa infraestrutura coa última tecnoloxía e a conexión directa cos sectores produtivos da nosa contorna. Estamos moi satisfeitos co resultado destas xornadas, que nos permitiron establecer un diálogo directo coas futuras xeracións de profesionais”.

A campaña de promoción, que inclúe visitas guiadas, charlas informativas e demostracións en vivo, foi especialmente ben acollida por aqueles interesados en seguir unha carreira profesional cun enfoque práctico, así como polas empresas locais que buscan novos talentos formados en especialidades técnicas e profesionais.

O CIFP Porta da Auga segue consolidándose como un referente na formación de cualificación superior e profesional, permitindo que os seus estudantes saian preparados para integrarse con éxito no mundo laboral. O centro ofrece ciclos de réxime ordinario, de adultos modular, dual, a distancia e cursos de especialización para adultos.

Para obter máis información sobre a súa oferta formativa, as persoas interesadas poden consultar a web ou contactar co centro a través do teléfono 982 128 884 ou do correo electrónico cifp.portadaauga@edu.xunta.gal.

⚙ Configurar cookies
0.17347502708435