O CIFP Porta da Auga de Ribadeo rematou as actuación do proxecto premiado

AMariñaXa
O Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, de Ribadeo, oferta prazas no Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas
cifp porta auga premio autoconsumo paneis solares
19 Dec 2022

O Departamento de Electricidade do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, rematou as actuacións que forman parte do proxecto premiado pola Xunta de Galicia para a creación de espazos de tecnoloxía aplicada, que inclúe unha instalación solar para autoconsumo. Este centro ribadense foi o único da provincia de Lugo dos 14 elixidos en Galicia. 

O xefe do Departamento de Electricidade, Benito Fernández Rei, anunciou hoxe: “rematamos as instalacións do proxecto que presentamos este ano dentro dunha convocatoria da Xunta de Galicia que se chama de espazos de tecnoloxía. Estas actuacións foron relativas a dous puntos principalmente, un deles é a realización no CIFP Porta da Auga dunha instalación solar fotovoltaica para autoconsumo, que colocamos co alumnado do ciclo formativo de grao superior de adultos que temos no instituto. É de 8,6 quilovatios pico, con 18 paneis de 465 vatios cada un e un inversor trifásico, instalación que xa está funcionando. Témola conectada á rede para autoconsumo e está producindo a pleno funcionamento”.

Benito Fernández Rei engadiu: “tamén fixemos a adecuación dun dos talleres para montar unha maqueta que simula a instalación eléctrica dun edificio con dúas centralizacións adaptadas para a recarga do vehículo eléctrico nun edificio con garaxe comunitario. Simulamos uns puntos de recarga no garaxe e os cadros das vivendas; entón basicamente esta maqueta permite realizar todas as instalacións de recarga de vehículo eléctrico para edificios comunitarios, con vivendas e garaxe. Hai dúas formas, co cal temos dúas centralizacións: unha delas está preparada para un punto de recarga individual para cada vivenda, de xeito que cada vivenda tería o seu punto de recarga na praza de garaxe; e, por outra banda, a segunda forma que se contempla na regulamentación actual é unha instalación colectiva cun só contador de enerxía para varios ou todos os puntos de recarga do garaxe. Esta maqueta, que colocamos nun dos talleres do Departamento de Electricidade, permite facer todas estas instalacións simuladas con puntos de recarga reais -de 7,4 kilovatios- e permite tamén facer outro tipo de instalacións, como de intercomunicación, de telefonía e de alumeado, propias dos edificios de vivendas. Isto realizámolo desde que empezou este curso, en setembro, ata este mes de decembro”.

Para estas instalacións o profesor Benito Fernández Rey presentou a finais do ano 2021 un proxecto que foi premiado, xunto con outros 14 centros de Secundaria de toda Galicia, con 55.000 euros. Esta dotación ven dada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a través dos fondos Next Generation da Unión Europea na convocatoria feita pola Xunta de Galicia.

0.19085097312927