O CIFP Porta da Auga de Ribadeo reforza a súa oferta formativa con novos estudos acelerados en carrozaría

AMariñaXa
O centro ribadense consolídase como referente educativo na Mariña ao manter todos os ciclos do curso pasado e engadir unha nova formación acelerada para o curso 2025-2026
CIFP_Porta_da_Auga-Ribadeo
22 Jun 2025

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, situado en Ribadeo, será o único da Mariña lucense que ofertará no curso 2025-2026 a nova modalidade de formación acelerada en preparación, protección e embelecemento de superficies de carrozarías. Así o anunciou o seu director, Isidro Berdeal, quen destaca que, ademais desta novidade, o centro manterá toda a oferta educativa existente no pasado curso académico.

“Para o vindeiro curso temos como incorporación destacada a formación acelerada en carrozaría, que permitirá unha cualificación máis rápida en tarefas moi demandadas polo sector da automoción”, explica Berdeal, subliñando a aposta do centro pola actualización continua da súa programación formativa.

A oferta de Formación Profesional Básica continuará con dúas liñas consolidadas: unha centrada no mantemento de vehículos e outra orientada aos servizos administrativos, dirixidas a alumnado que busca unha inserción laboral temperá cunha base sólida de coñecementos prácticos.

No que respecta aos ciclos de grao medio, o CIFP Porta da Auga mantén unha ampla variedade de opcións. Así, ofértase o ciclo de xestión administrativa, tanto en modalidade presencial (durante a mañá) como a distancia; o de electromecánica de vehículos, tamén en horario matinal; atención a persoas en situación de dependencia; instalacións eléctricas e automáticas en modalidade dual intensiva; e o ciclo de obras de interior, decoración e rehabilitación, este último dispoñible en formato modular e en horario de tarde.

A nivel de ciclos superiores, o centro continúa a súa aposta por áreas de alta empregabilidade e especialización. Entre as titulacións que se ofertan atópanse administración e finanzas, asistencia á dirección (este último, a distancia), automoción (tanto en modalidade ordinaria pola mañá como dual intensiva pola tarde), educación infantil, animación sociocultural e turística, así como sistemas electrotécnicos e automatizados, que se ofrece en horario de tarde mediante a modalidade modular.

Ademais, Isidro Berdeal confirmou que o CIFP ribadense manterá tamén o curso de especialización de grao superior en mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, unha formación punteira que terá lugar durante as tardes. “Trátase dun programa que segue a captar interese ano tras ano, dada a evolución do mercado cara aos vehículos eléctricos e a necesidade de persoal cualificado”, apunta o director.

Berdeal lembrou tamén que xa está aberto o prazo de admisión para o curso 2025-2026, que permanecerá activo ata o vindeiro 2 de xullo ás 13:00 horas. O director anima a todas as persoas interesadas a informarse canto antes: “Queremos que o alumnado vexa neste centro unha oportunidade real de futuro, cunha oferta ampla, adaptada ao mercado laboral e cun equipo docente comprometido”.

⚙ Configurar cookies
0.064473867416382