O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, presenta a súa oferta para o vindeiro curso

AMariñaXa
Presenta tres novidades: os ciclos de grao superior en asistencia á dirección, en animación sociocultural e turística e en automoción
CIFP_Porta_da_Auga-Ribadeo
24 Xuño 2024

Na oferta educativa do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, para o curso 2024-2025 hai tres novidades: os ciclos de grao superior en asistencia á dirección, a distancia; en animación sociocultural e turística, este último en horario de tarde; e en automoción, de dual intensiva e tamén en horario de tarde. O prazo de admisión para estas e outras formacións está aberto ata o 4 de xullo e no centro axudan ás persoas interesadas a cubrir a súa solicitude.

O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, explica que seguen “a ofertar ciclos formativos das especialidades de Administración, Edificación, Electricidade, Automoción e Servizos á Comunidade”. En modalidade presencial pódense cursar ciclos básicos de Servizos administrativos e de Mantemento de vehículos; grados medios de Xestión Administrativa, Atención a persoas en situación de dependencia e Electromecánica de vehículos automóbiles; e ciclos superiores de Administración e finanzas, Educación infantil, Automoción.

E, como novidade: “Animación sociocultural e turística, que se impartirá en horario de tarde, de 16.00 a 21.30 horas”. En modalidade a distancia, “seguimos a ofertar o ciclo medio de Xestión Administrativa e, como novidade, teremos tamén o ciclo superior de Asistencia á dirección, que, por exemplo, permite ao alumnado que xa teña cursado anteriormente o ciclo superior de Administración e finanzas sacar unha segunda titulación en só un curso académico”.

E en oferta modular presencial contan co ciclo medio de Obras de interior, decoración e rehabilitación; e tamén o ciclo superior de Sistemas electrotécnicos e automatizados, ambos en horario de tarde, de 17.00 a 22.30 horas. Ademais, en modalidade dual o Porta da Auga continuará impartindo o ciclo medio de Instalacións eléctricas automáticas, en horario de mañá; e pola tarde, como novidade, oferta o ciclo superior de Automoción.

Berdeal remata anunciando que o CIFP ribadense “volve contar cunha formación que foi novidade no curso pasado: de especialización de grao superior en Mantemento e seguridade de sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, que permitirá ao alumnado especializarse neste tipo de automóbiles e que se imparte en horario de 17.00 a 21.30 horas”.

0.17119407653809