O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga de Ribadeo, a través da Rede de Centros de Capacitación Dixital, organizará en outubro dous cursos gratuítos para mellorar as competencias dixitais básicas da cidadanía. O primeiro curso, de nivel básico, comeza o 2 de outubro e remata o 15. O segundo, de nivel intermedio, desenvolverase do 16 ao 29 de outubro. Ambos os cursos realizaranse de 16.00 a 19.00 horas, con opción de horario flexible.
Estes cursos, de 30 horas de duración cada un, están deseñados para ofrecer unha cualificación en "Dixitalización aplicada á contorna profesional" (IFC748_2), válida para bolsas de emprego, oposicións e concursos. O CIFP Porta da Auga destaca que só é necesario non estar matriculado noutros estudos formais da Consellería de Educación para participar.
As persoas interesadas poden inscribirse e obter máis información a través da páxina web do centro ou acudir presencialmente ao CIFP Porta da Auga de luns a venres, en horario de 08.30 a 15.00 e de 16.00 a 22.00 horas. Esta iniciativa está financiada polos fondos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, así como polo programa Next Generation da Unión Europea.